O PP denuncia ante a Xunta Electoral un valo no que saen Baltar, Feijóo e Jácome co lema 'Letais para Ourense'

Baltar sinala ao PSOE como responsable.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/06/2020 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

O Partido Popular presentou unha denuncia ante a Xunta Electoral para pescudar quen colocou un valo publicitario na rúa Marcelo Macías da capital ourensá na que aparecen as fotografías do propio Baltar, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo e o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acompañadas do lema 'Letais para Ourense'.

Valo publicitario en Ourense no que saen Baltar, Feijóo e Jácome co lema 'Letais para Ourense'.
Valo publicitario en Ourense no que saen Baltar, Feijóo e Jácome co lema 'Letais para Ourense'.

O presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar, anunciou este luns que actuarán para saber quen está detrás da colocación da que acusou ao secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, tras o expediente aberto pola Subdelegación do Goberno para a revisión das axudas a autónomos e pemes.

"Creo que todos os que estamos aquí podemos presumir ou supor quen está detrás disto, evidentemente saberemos no seu momento quen é", sinalou. A denuncia vai dirixida en primeiro lugar contra a empresa que ten a posibilidade legal para anunciar nese espazo, co fin de que lle transmita á Xunta Electoral quen contratou eses servizos e así "adiviñar de novo" quen está detrás da esta campaña. "Creo que chegaremos á conclusión que todos se poden imaxinar", expresou Manuel Baltar.

Tamén anunciou que recorrerá ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo as resolucións da Xunta Electoral que lle obrigaron a retirar da web da Deputación de Ourense determinadas publicacións por ter un carácter partidista.

O PSOE, "VERGOÑA"

O presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, aludiu a que o PSOE e, en concreto, o presidente do Goberno e secretario xeral do partido, Pedro Sánchez, "senten vergoña do comportamento" do portavoz socialista na Deputación de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, con respecto ás axudas directas a autónomos e pemes do ente provincial.

"O presidente do Goberno obviou por completo a Villarino e nin sequera o saudou na súa intervención de 16 minutos, o pasado sábado, no Xardín do Posío de Ourense", para constatar que o PSOE non está de acordo coa campaña en contra das axudas aos autónomos.

Neste contexto, o presidente do PP de Ourense asegurou que as súas críticas a Rafael Rodríguez Villarino "non son un ataque ao PSOE no seu conxunto" e dixo "estar seguro" de que "os socialistas, do mesmo xeito que calquera outra persoa, están con aqueles que o están pasando mal" porque "ese pensamento forma parte do ABC de calquera ser humano".

"Estar en contra dos autónomos, as pemes e os miles de traballadores que loitan cada día por reactivar economicamente a provincia só pode ser froito dun ser absolutamente irracional como Rafael Rodríguez Villarino", declarou Manuel Baltar.

Unha vez máis, Baltar cualificou de "ataque vil, ruin e miserable" o requirimento verbal do portavoz socialista á Subdelegación do Goberno para a revisión da legalidade das axudas aos autónomos e pemes que se atopan "ameazados neste momento coa perda desas subvencións directas tan necesarias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta