O Sergas di agora que "ten desde hai dúas semanas" o informe que pide a familia da embarazada morta

Alega que está "á súa disposición" á espera de que presente a "documentación acreditativa legalmente establecida" para recollela.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/06/2020 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) ten "preparada" e "á súa disposición" hai "dúas semanas" a documentación pedida pola familia da moza de 37 anos embarazada veciña de Carballo falecida a finais de marzo no Hospital Materno-Infantil, xunto ao seu bebé tras practicárselle unha cesárea de emerxencia durante o estado de alarma, á espera de que presente a documentación oportuna para recollela.

Así o aseguraron a Europa Press fontes do Sergas, que explicaron que "a documentación solicitada está preparada e á súa disposición en atención ao paciente á espera de que a recollan". Para iso, indican as mesmas fontes, a familia debe presentar "a documentación acreditativa legalmente establecida". "E así lles foi comunicado aos solicitantes hai dúas semanas", subliñaron.

Unha profesional do Sergas
Unha profesional do Sergas | Fonte: SERGAS

Esta documetnación que pide o Sergas é o documento de últimas vontades da falecida, pero fontes da familia consultadas por GC suliñan que non é preciso presentar, xa que a petición está feita en nome do fillo e do pai da falecida a título informativo. "Levan mareando desde hai tres meses pasando o informe dun departamento a outro e agora a xogada final é pedir este documento para adiar aínda máis todo", suliñan.

A familia informou este luns da remisión dun burofax dirixido ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reclamar a historia clínica para saber que sucedeu e "pasar páxina". No burofax remitido a través do seu representante legal lembran que o presidente da Xunta "manifestou publicamente que esta familia merecía unha explicación ou resposta á súa situación persoal sufrida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta