Debate electoral: Traballadores de Alcoa levan a súa protesta á entrada da CRTVG

Os diferentes candidatos foron chegando á sede do ente público onde terá lugar o debate de cara ás eleccións do 12 de xullo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2020 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

Traballadores de Alcoa San Cibrao levaron a súa protesta á entrada da CRTVG, en Santiago de Compostela, con motivo do debate electoral entre os sete candidatos aos comicios do 12 de xullo que se celebra este luns.

Segundo explicou a Europa Press o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, entre "35 e 40 persoas" achegáronse ata o exterior do complexo de San Marcos para trasladar as súas protestas aos candidatos e que se busque unha "solución" ante a ameaza de peche da planta de aluminio. Alí, protestaron á entrada de cada candidato ao recinto cunha pancarta na que se podía ler 'A Mariña sálvase loitando', mentres portaban chalecos amarelos coa lema 'Alcoa, despedimentos non'.

Protesta de traballadores de Alcoa á entrada da CRTVG durante o debate electoral. COMITÉ DE ALCOA SAN CIBRAO
Protesta de traballadores de Alcoa á entrada da CRTVG durante o debate electoral. COMITÉ DE ALCOA SAN CIBRAO | Fonte: Europa Press

ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, considerou que o debate que arrincará nuns minutos na CRTVG será "clarificador" sobre que o próximo 12 de xullo existen "dúas opcións": ou un "multipartito" ou a continuidade do seu executivo, "preparado para gobernar desde o primeiro instante".

Feijóo foi o último en chegar ás instalacións do ente público en San Marcos, Santiago, que acolle este luns o único debate da campaña entre cabezas de lista coa participación de PPdeG, Marea Galeguista, PSdeG, BNG, Galicia En Común-Anova Mareas, Ciudadanos e Vox.

O mandatario autonómico, que aspira ao seu cuarto mandato, apelou a un debate "respectuoso" entre candidatos e "tamén cos cidadáns" e os familiares das vítimas da pandemia, para os que tivo un recordo á súa chegada a San Marcos. 

"Estarei moi orgulloso de poder ofrecerlle aos cidadáns non só os anos de experiencia e a disposición deste período complexo", engadiu o candidato do PPdeG. "Estou convecido de que no meu caso, o que podo comprometer podereino cumprir", remarcou Núñez Feijóo antes de pechar con que será "un presidente libre para un pobo libre" se así o deciden os galegos o próximo 12 de xullo.

ANTÓN GÓMEZ-REINO

Precisamente por mor destas protestas, o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, chegou ás instalacións da CRTVG vinte minutos despois do previsto inicialmente ao deterse cos traballadores de Alcoa San Cibrao que se concentran ás portas da sede do ente público en San Marcos. 

Á súa chegada ás instalacións da CRTVG, o referente da alianza de Podemos, Esquerda Unida, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica sinalou que confía en que a cita deste luns sirva para "empezar a deixar atrás" a etapa do PP á fronte da Xunta.

Aínda que estaba previsto que Gómez-Reino chegase en terceiro lugar, finalmente foi o cuarto en arribar á sede da TVG tras os candidatos de Vox, Ricardo Morado, Ciudadanos, Beatriz Pino, e BNG, Ana Pontón. Gómez-Reino saltouse a orde establecida en virtude do plan de cobertura da campaña nos medios públicos, que confire a Galicia en Común o status de forza significativa, polo que estaba previsto que chegase en cuarto lugar antes da líder nacionalista, Ana Pontón.

Segundo sinalou á súa chegada á CRTVG, a súa tardanza debeuse a que baixou para saudar os traballadores de Alcoa concentrados nas inmediacións de San Marcos. A eles, como comentou, mostrou "o seu apoio para salvar" os postos de traballo da planta de San Cibrao. Gómez-Reino manifestou que buscará reflectir durante o debate a "proposta de futuro" para Galicia da súa coalición, á vez que mostrou o seu compromiso a "terminar co control político do PP" na radiotelevisión pública de Galicia.

ANA PONTÓN

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, destacou que tratará de "ilusionar" os galegos e mostrar que o Bloque Nacionalista Galego é a "alternativa" para o "cambio real" durante o debate. A líder dos nacionalistas galegos pronunciouse deste xeito á súa chegada ás instalacións de San Marcos, onde celebrou que os cidadáns vaian poder ver "o contraste entre as diferentes opcións políticas".

"Imos poder trasladarlle aos galegos cales son as nosas alternativas neste momento e tentar ilusionar a máis xente con ese cambio que representa o BNG", manifestou Pontón, que subliñou que Galicia é "un gran país", con "moitas oportunidades". "E que desta crise temos todo para saír adiante e enfrontar os problemas e as dificultades que temos", indicou.

Así mesmo, tras referirse á cita deste luns como a "esencia da democracia", asegurou que non entendería "unhas eleccións" sen debate e confiou en que "axude a todas as persoas que teñen dúbidas a definir o seu voto". "Porque é importante que o 12 de xullo haxa unha mobilización e, como non, desde o BNG tentaremos convencer cada día a máis galegos de que somos a alternativa para que se poida producir un cambio real", apuntou.

BEATRIZ PINO

Pola súa banda, a candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Beatriz Pino, agradeceu á "televisión de todos os galegos" a organización do debate a sete e asegurou que se propón "aproveitar" esta "oportunidade para falar directamente a todos os galegos".

En declaracións á súa chegada ás instalacións da CRTVG para participar neste debate, Beatriz Pino asegurou que empregará a cita para expor as "políticas laranxas" que axudarán a que "Galicia teña futuro".

Beatriz Pino foi a segunda dos sete candidatos en chegar ás dependencias de San Marcos, en virtude do plan de medios aprobado, que inclúe Ciudadanos como 'grupo político significativo'.

PANCHO CASAL

O candidato de Marea Galeguista á Presidencia da Xunta, Pancho Casal, sinalou á súa chegada que afronta a cita "con moita ilusión e responsabilidade", aínda que deslizou unha crítica ao formato do debate no que cada grupo terá "catro minutos por bloque para cousas que Feijóo tivo catro meses no telexornal da TVG".

Casal chegou en penúltimo lugar, en virtude da orde establecida polo plan de cobertura da campaña da CRTVG, que confire a Marea Galeguista a condición de segunda forza pola participación na coalición de En Marea, segunda candidatura máis votada nas autonómicas de 2016. "O 12 de xullo decídese o Parlamento que vai definir o futuro de Galicia, coa reconstrución e a nova normalidade", destacou Casal, que tamén fixou como retos do futuro goberno conseguir que Alcoa San Cibrao "non se peche".

GONZALO CABALLERO

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, tratará de mostrar no debate da CRTVG que o Partido Socialista de Galicia é o "cambio con garantías" no que os galegos "poden confiar". Na súa chegada, o líder dos socialistas galegos sinalou que explicitará que o PSOE é "un partido que sabe gobernar" e que o próximo 12 de xullo está en xogo "unha Galicia de progreso" fronte a unha "Galicia cun proxecto esgotado".

"Xogámonos unha Galicia liderada polo PP ou unha Galicia liderada polo PSOE", manifestou para deixar claro que "nunha crise" como a actual "non é misar que goberne a dereita ou que goberne a esquerda". Neste sentido, asegurou que son necesarias políticas progresistas que permitan defender os servizos públicos, a sanidade pública, o Estado do Benestar e tamén para facer unha nova política da reconstrución na que "ninguén quede na cuneta".

Na súa intervención, ademais,asegurou que lle gustaría que "houbese máis debates" na CRTVG así como unha maior presenza da programación electoral e criticou que Feijóo e o PP, "que dirixen o ente", marcasen "outra axenda". "Estamos cos Venres Negros, defendendo á galega", sostivo en relación ás protestas que manteñen algúns traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta