Ecoloxistas en Acción sitúa seis 'bandeiras negras' en Galicia pola contaminación e abandono do litoral

Tres delas concédense por "mala xestión", en Porto de Marín, a Praia das Delicias (A Coruña) e A Mariña lucense, e outras tres por contaminación, a Praia de Lires, a fábrica de ENCE e a factoría de Alcoa en San Cibrao.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/06/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Seis bandeiras negras para denunciar a contaminación ambiental e a mala xestión ambiental. O colectivo Ecoloxistas en Acción acaba de presentar o seu informe anual no que repasan os casos máis destacados neste ámbito e o mal estado nas zonas do litoral.

Ecoloxistas en Acción publica o seu informe 'Bandeiras  negras'. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN  - Arquivo
Ecoloxistas en Acción publica o seu informe 'Bandeiras negras'. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN - Arquivo | Fonte: Europa Press

Tres delas concédense por "mala xestión", en concreto o Porto de Marín, a Praia das Delicias (A Coruña) e A Mariña lucense. As outras tres sitúanse por contaminación: a Praia de Lires, na provincia da Coruña; a fábrica de ENCE, na provincia de Pontevedra e a factoría de Alcoa en San Cibrao.

O portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López explicou a situación na que se atopan estes puntos. A ampliación do dique do porto deportivo de Sada modificou as correntes na zona provocando unha acumulación de lodos, na Praia das Delicias. A Mariña lucense, pola súa banda, é sinalada á súa vez pola "mala xestión" da presión urbanística que carrexa a masificación turística.

No caso do Porto de Marín, o criterio foi a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que legaliza os recheos "que anteriormente foran declarados ilegais en sentenza firme". Segundo Ecoloxistas en Acción "a administración pública manipula e engana, e todo isto con diñeiro público, para non asumir as ilegalidades cometidas".

"É unha broma, unha tomadura de pelo, unha carallada", engadiu, a coordinadora da Asociación Verdegaia, Sabela Iglesias, quen denunciou que "o poder económico, en total conivencia co poder político, utiliza o poder xudicial para o seu interese".

"ABANDONO DA COSTA"

O colectivo situou a Praia de Lires, no concello de Cee, como "exemplo do abandono da costa", polos seus "niveis elevados de contaminación" debido ás verteduras de augas residuais.

Neste mesmo sentido, a factoría de Alcoa tamén é sinalada por "contaminar a súa contorna" e porque "xoga coa necesidade de postos de traballo e a precariedade laboral para conseguir un maior trato de beneficio" mentres deixa o seu paso "miseria ambiental e destrución".

Concretamente citan as verteduras de eslamiada cáustica que usan para disolver e lavar a bauxita a altas temperaturas e a balsa de lodo vermello de 78 hectáreas, situada a menos de 1 quilómetro do mar nunha zona de 3.500 habitantes.

UTILIZACIÓN DE ACEITES USADOS

Finalmente, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, foi o encargado de explicar os motivos que levan a outorgarlle un ano máis a bandeira negra á fábrica de ENCE en Pontevedra.

Segundo dixo Antón Masa, consideran merecedor da bandeira negra á papeleira "pola combustión de aceites usados na planta de biomasa de Ence", unha práctica que está absolutamente prohibida na Unión Europea polas consecuencias negativas na saúde humana e sobre o medio ambiente.

O presidente da APDR afirmou que, de acordo cos datos facilitados por distintas empresas subministradoras, desde hai uns 5 anos ENCE adquire anualmente da orde de 18.000 toneladas de aceites usados procedentes de motores de automóbiles, de maquinaria agrícola ou industrial, que soamente foron sometidos a un proceso de eliminación de auga e sedimentos, polo que permanecen neles os posibles metais pesados, PCBs e outros contaminantes que se producen por degradación durante o tempo de utilización anterior como lubricantes.

Antón Masa asegurou que "isto supón a comisión dun novo delito ecolóxico continuado e tentaremos conseguir unha vez máis unha condena".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta