A Deputación de Pontevedra quere impulsar a corresponsabilidade nos coidados coa suma dos homes

A presidenta da Deputación, Carmela Silva puxo en valor o traballo desenvolvido durante a pandemia por sectores nos que a maior parte dos empregados son mulleres, como o sanitario e o da limpeza.

Por E.P. | VIGO | 01/07/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou unha iniciativa que busca fomentar a corresponsabilidade e á que se sumaron personalidades de distintos sectores para impulsar unha "revolución nos coidados".

No marco dunha mesa redonda celebrada este mércores en Vigo, a presidenta da Deputación Provincial detallou que a campaña 'Sumar ao cambio. A revolución nos coidados' púxose en marcha para visibilizar o traballo das mulleres e remarcar a necesidade de fomentar a corresponsabilidade.

Ademais, Carmela Silva puxo en valor o traballo desenvolvido durante a pandemia por sectores nos que a maior parte dos empregados son mulleres, como o sanitario e o da limpeza.

Con todo, advertiu de que, durante ese período, o 75% dos coidados foron asumidos polo colectivo feminino. Nesta liña, alertou de que o peche de escolas infantís e centros de día provocou que moitas mulleres se visen obrigadas a asumir os coidados de nenos, persoas maiores e dependentes, o que indicou que pode dificultar o desempeño dos seus traballos.

Por este motivo, Carmela Silva remarcou a necesidade de que os homes "se somen ao cambio" da situación actual co obxectivo de alcanzar a igualdade na repartición dos coidados e as tarefas domésticas. A este respecto, incidiu en que resulta "fundamental" fomentar a corresponsabilidade para permitir que as mulleres non atopen dificultades para acceder a postos de responsabilidade ou dispor de tempo libre debido ás cargas familiares.

CONCILIACIÓN

Do mesmo xeito, a secretaria xeral de MCA-UGT, Ana Belén Valiño, resaltou a importancia de trasladar que o teletraballo non implica unha maior conciliación e que esta debe facilitarse a homes e mulleres para permitir a corresponsabilidade.

Así mesmo, a directora da Misión Biolóxica de Galicia, María Elena Cartea, avogou por incrementar a presenza das mulleres na investigación, onde só representan o 39% dos profesionais. Así, subliñou a importancia de aumentar a "visibilidade" das científicas e asegurou que falta "moito camiño por percorrer" para elevar o número de directoras en grupos e centros de investigación.

Adicionalmente, durante o evento proxectouse un vídeo no que distintos profesionais, como o xornalista Jacobo Buceta, o secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón; o avogado Ángel Piñeiro, a ama de casa Carmen Fernández; a directora do Instituto Español de Oceanografía, Vitoria Besada; e os intervenientes no acto puxeron en valor o traballo das mulleres.

Enrique Mallón,  María Elena Cartea, Carmela Silva, Vitoria Bicada, Ana Belén Valiño e Anxo Piñeiro durante o acto
Enrique Mallón, María Elena Cartea, Carmela Silva, Vitoria Bicada, Ana Belén Valiño e Anxo Piñeiro durante o acto | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta