García Egea ve "ben grande" o logo do PP "no cartel" de Feijóo porque este "representa" o partido

Pide un "apoio masivo" o próximo 12 de xullo ao modelo de Alberto Núñez Feijóo e do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, esquivou este mércores a polémica acerca de se o presidente galego e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, oculta as siglas do partido e asegurou ver "ben grande" o logo do seu partido "no cartel" do aspirante popular á Presidencia da Xunta porque este "representa" ao partido.

En concreto, García Egea defendeu que el ve "ben grande o logo do Partido Popular no cartel de Feijóo" porque o presidente da Xunta é "perfectamente reconocible como parte fundamental da historia e do futuro do PP, dado que representa todo o que representan os presidentes autonómicos da súa formación".

"Só desde a amplitude que nos dá ser o partido máis grande de España, con persoas de referencia como Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, imos conseguir gobernar España e mirar ao futuro, á marxe dos sectarismos que temos hoxe no goberno de España", concluíu.

O secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea.
O secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea. | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS AO PSOE

Teodoro García Egea criticou ao PSOE por "non estar na liña de afrontar a crise económica sen que ninguén quede atrás" e, ante "esta actitude", afirmou "non saber moi ben" en que momento se atopa a negociación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE).

Así o manifestou este mércores o número dous dos populares, durante un encontro sectorial sobre termalismo celebrado no Balneario de Laias en Ourense, no que dixo "descoñecer" se o Goberno central está "a tentar boicotear as axudas a autónomos e pemes" pondo como exemplos ao presidente provincial socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e ao candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, "ou se realmente está a favor das propostas de futuro do PP".

Neste contexto, García Egea non quixo falar de liñas vermellas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado, senón de "liñas de traballo acordes ás propostas do PP" entre as que nomeou a presentación este mércores no Congreso dunha "batería de medidas para prorrogar os ERTES ata o primeiro trimestre de 2021, a aplicación do IVE súper reducido ás actividades turísticas e a eliminación da ecotasa".

A principal reivindicación do PP é que "ninguén quede atrás", pero García Egea dixo que, "lamentablemente" PSOE e Podemos "non están na mesma liña" despois de que este martes votasen en contra dunha "iniciativa do PP presentada na Comisión de Economía que pretendía facilitar o acceso á vivenda a persoas con especial vulnerabilidade".

BAIXADA DE IMPOSTOS

"Ata agora o Goberno central acertou sempre que fixo caso aos gobernos do PP", subliñou Teodoro García Egea, antes de lembrarlle que "a única receita válida para a saída da crise económica é profundar no modelo de eliminación de trabas e baixadas de impostos". "Se o Goberno central pretende saír desta crise subindo os impostos, o único que vai facer é quedar sen emprego e sen impostos, porque estes últimos nacen da creación de postos de traballo e do desenvolvemento económico dunha zona", explicou García Egea.

O secretario xeral do Partido Popular, o mesmo día en que se coñecen as primeiras conclusións da Comisión para a Reconstrución Social e Económica, non se mostrou disposto a renunciar á baixada de impostos solicitada polo PP, senón que subliñou que "o modelo que funciona é o da man tendida e creación de emprego que aplica o Partido Popular no goberno e na oposición".

XESTIÓN DA PANDEMIA

Non en balde, sinalou que en momentos coma estes se necesita "aos mellores" e que "as decisións dos gobernos do PP durante a pandemia da COVID-19 salvaron vidas", pondo como exemplo que "Alberto Núñez Feijóo foi o primeiro en implantar os test rápidos" ou que "os presidentes autonómicos do PP pediron instalar o estado de alarma, confinar poboacións e pechar fronteiras para evitar que moitas familias sufrisen innecesariamente".

Por todo iso, pediu un "apoio masivo" o próximo 12 de xullo, día das eleccións autonómicas, ao modelo de Alberto Núñez Feijóo e do PP, "o único preocupado polo importante: coidar da saúde e facer crecer a economía e o emprego". "Se votamos ao PP sabemos que o vai ocorrer é que Alberto Núñez Feijóo vai seguir incrementando a renda per cápita e as oportunidades dos galegos, a riqueza dunha terra que hoxe é a referencia das cousas ben feitas para toda España", manifestou García Egea.

Neste sentido, lembrou que o día 12 de xullo "tamén se elixe entre os que dan axudas ás pemes e aos autónomos", pondo como exemplo o caso da Deputación de Ourense, ou "quen as boicotean, como é o caso do PSOE".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta