O Sergas insiste en potenciar a consulta telefónica, aínda que comeza a programa cirurxías tras catro meses sen actividade

O protocolo recolle impulsar "a consulta non presencial, a xestión de citas que evite as aglomeracións de persoas nas salas de espera ou a axilización das alta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 10:32

Comparte esta noticia

Os hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) concluirán este venres, 3 de xullo, as etapas do plan de reactivación asistencial no marco da crise sanitaria polo coronavirus COVID-19, tras impulsar o pasado 19 de xuño a cuarta e última dentro da cal recuperaron a cirurxía menor hospitalaria non oncolóxica.Unha fase caracterizada pola continuidade das consultas telefónicas e o comezo das programacións de cirurxías tras catro meses sen actividade.

Así se reflicte no 'Plan de reactivación asistencial no ámbito hospitalario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2', recollido por Europa Press, que indica que do 19 de xuño ao 3 de xullo desenvolveuse a cuarta e última etapa, despois da posta en marcha da primeira entre o 4 e 18 de maio.

Nesta cuarta etapa do plan o Sergas apostou por consolidar "a recuperación da normalidade na actividade hospitalaria, recuperándose a funcionalidade e estrutura das plantas de hospitalización, a carteira de servizos e a programación de consultas, probas e intervencións cirúrxicas", indícase no documento.

No entanto, incide o protocolo que se manteñen "todas as medidas referidas nas etapas anteriores, potenciando a consulta non presencial, a xestión de citas que evite as aglomeracións de persoas nas salas de espera ou a axilización das altas".

Ademais, sinala que seguen os circuítos diferenciados e as áreas COVID-19 "en previsión de posibles brotes da enfermidade, dimensionando os mesmos en función da demanda asistencial". Entre outros aspectos, este plan destaca que na etapa 4 retomouse, ademais, a actividade relacionada coa investigación, "permitíndose a monitorización presencial dos ensaios clínicos".

En canto á visita médica por parte da industria farmacéutica, o protocolo reactivouna nesta última etapa "con cita previa, evitando permanecer nas plantas hospitalarias ou calquera outra zona do ámbito asistencial".

Tamén se reiniciaron as auditorías internas de seguridade do paciente (identificación inequívoca de pacientes, hixiene de mans, uso seguro de cloruro potásico, etc.) e as auditorías externas de acreditación nas normas UNE/ISO.

Así mesmo, retomouse o desenvolvemento do Plan galego de hospitalización a domicilio, especialmente no referente ao seguimento compartido con Atención Primaria e centros sociosanitarios.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta