A Deputación erixe emprego e servizos sociais en "prioridades absolutas" na Costa da Morte

As achegas da Deputación da Coruña durante estes meses supuxeron unha inxección económica de máis de 5 millóns de euros para os municipios da Costa da Morte, asegurou o presidente provincial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

Estimular a creación de emprego, axudar a reactivar a economía e reforzar os servizos sociais municipais serán as "prioridades absolutas" dos investimentos da Deputación da Coruña na Costa da Morte tras a COVID-19.

Así o anunciou este xoves o presidente provincial, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantivo en Muxía cos alcaldes da Costa da Morte para avaliar o alcance das medidas implementadas polo goberno provincial para apoiar os concellos durante a crise sanitaria.

Durante o encontro, González Formoso recoñeceu "o labor do mundo municipal, que estivo á altura das circunstancias" durante este período, "á beira dos seus veciños afrontando momentos complicados" e "asumindo competencias propias e impropias para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos durante a pandemia".

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Iago Toba, agradeceu a colaboración da Deputación cos municipios da Costa da Morte durante o confinamento, tanto fornecendo material de protección como prestando apoio económico para programas "de vital importancia" para os concellos.

Na reunión, González Formoso repasou as medidas implementadas pola Deputación para axudar os municipios na saída da crise e escoitou as propostas dos alcaldes, moitos dos cales expresaron a súa preocupación polas consecuencias económicas e laborais que carrexará a pandemia para familias e empresas.

Neste sentido, o presidente da Deputación da Coruña explicou que, tras un proceso de restruturación a fondo dos orzamentos de 2020 para adaptalos á realidade actual, o seu goberno terá "a reactivación económica" e a "potenciación dos servizos sociais" como "principais prioridades".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, durante unha videconferencia pola crise sanitaria do COVID-19. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, durante unha videconferencia pola crise sanitaria do COVID-19. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

CINCO MILLÓNS NA COSTA DA MORTE

As achegas da Deputación durante estes meses, dixo González Formoso, supuxeron unha inxección económica de máis de 5 millóns de euros para os municipios da Costa da Morte. Entre elas destaca o Plan Único, con máis de 3,8 millóns aprobados para a zona, que permite aos concellos afrontar gastos esenciais e acometer obras que axudan a reactivar a economía.

Como novidade principal deste ano, o POS+ incluíu unha partida de 4 millóns de euros procedentes de superávit para que os concellos puidesen afrontar os gastos sociais extraordinarios derivados da COVID-19, dos que 300.000 se destinaron aos municipios da Costa da Morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta