Dispáranse os fogares galegos que chegan con dificultades a fin de mes: xa son máis da metade

Caída acusada das persoas que teñen pensado ir de viaxe, saír cear ou ir ao cinema nos próximos tres meses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

Os fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a final de mes dispáranse no segundo trimestre ata supor o 54%, o que supón 20 puntos máis que no mesmo período de 2019 (34,5%), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, un 46,89% dos fogares chega con dificultade, mentres que un 7,15% o fai con moita dificultade no segundo trimestre. En cambio, só un 45,96% alcanza o final de mes con facilidade ou moita facilidade.

En comparación co primeiros tres meses de 2020, os fogares con dificultades aumentan nuns sete puntos tras o impacto do coronavirus en Galicia. Deste xeito, os fogares que chegan con dificultades superan o 50% por primeira vez en máis de dous anos, algo que desde o primeiro trimestre de 2018 non ocorría.

CAÍDA DE GASTOS EXTRA, VIAXES E SAÍDAS

Pola súa banda, o 40% dos fogares non se permitiu ningún extra --gastos como os destinados a imprevistos-- nos últimos tres meses. Ademais, o 10,5% das familias cambiou os seus hábitos de compra con marcas brancas ou produtos en oferta, á vez que o 10% diminuíu gastos comúns como roupa e calzado.

As persoas que teñen pensado saír a cear, cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos meses caen de forma acusada e quedan no 19,4%, cando era o 61,2% un ano antes. Aqueles que prevén ir de viaxe tamén caen, xa que só son o 2,85% --eran o 16% hai 12 meses--.

Así mesmo, o 34,5% das familias ten pensado aforrar diñeiro nos próximos tres meses fronte ao 41,3% dun ano antes. Ademais, o índice de confianza do consumidor en Galicia cae en case 32 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2020.

Unha vendedora de verduras porta unha pantalla facial no Mercado Municipal de Lugo na Fase 1  a 15 de maio de 2020.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Unha vendedora de verduras porta unha pantalla facial no Mercado Municipal de Lugo na Fase 1 a 15 de maio de 2020.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta