A CIG esixe recuperar a actividade de tarde no Chuac e a xerencia apela á reactivación "progresiva"

A central sindical critica que "se está a derivar enfermos pendentes de intervencións cirúrxicas de uroloxía e traumatoloxía á sanidade privada".

Por E.P. | A Coruña | 02/07/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

CIG-Saúde reclamou recuperar a actividade de tarde no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), mentres que a xerencia asegura que se está reactivando "de forma progresiva" a actividade ordinaria e que tamén se fará coa extraordinaria.

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC)
Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) | Fonte: Nemigo en Wikipedia.

A central sindical critica que estea "suspendida" a actividade de tarde "mentres está a derivar enfermos pendentes de intervencións cirúrxicas de uroloxía e traumatoloxía á sanidade privada".

A CIG denuncia "a hipocrisía do Goberno de Feijóo que, por unha banda, fai gala de ter a mellor sanidade pública co persoal máis cualificado e, ao tempo, desvía o diñeiro de todas as galegas e galegos para financiar o sector sanitario privado, en mans de grandes multinacionais e fondos voitre".

Desde a central sindical, reclaman que se faga actividade na pública "porque non podemos baleirar de actividade asistencial á sanidade pública tendo os e as profesionais e as instalacións para ofrecer a mellor atención", incide.

Pola súa banda, desde a xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee manifestaron que "se está reactivando de forma progresiva a actividade ordinaria, consultas, probas e cirurxía". "Tamén a actividade extraordinaria vaise a reiniciar de inmediato, nestes días, de forma progresiva".

"Priorizando sempre a máxima seguridade para os pacientes e os profesionais, á vez que mantén os concertos xa existentes coa finalidade de axilizar ao máximo a asistencia e recupera canto antes a actividade que se tivo que demorar", engadiu.

MANIFESTACIÓN

Por outra banda, a Xunta de Persoal desta área sanitaria convocou para este venres unha manifestación, con saída ás 12.00 horas, desde o hospital coruñés, para denunciar "a contratación fraudulenta" nesta área.

Afirman que se contratou "un número de profesionais importante en contratos que se iniciaron ao comezo da declaración de pandemia e que continuan na actualidade, sendo renovados directamente e saltándose os acordos de contratación existentes na área".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta