O Sergas dá marcha atrás e promete agora que non transportará os pacientes de diálese en taxi

Os sindicatos CIG e UXT acordaron desconvocar a folga no sector das ambulancias tralo anuncio do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG e UXT acordaron desconvocar a folga no sector de ambulancias tras garantirlles o Sergas que os traslados ao servizo de diálese seguirán co transporte programado como ata a data e non se farán en taxi.

Así o anunciou este venres o responsable do sector de Transporte de FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, quen explicou a Europa Press que este xoves representantes sindicais mantiveron un encontro con responsables do Sergas no que lles garantiron que se mantiña o servizo de transporte programado para diálese.

Por iso, destacou Pastoriza, os dous sindicatos acordaron desconvocar a folga prevista para os días 8 e 9 de xullo no sector do transporte de ambulancias en Galicia.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo

TRASLADO EN TAXIS

Pastoriza lembrou que a folga fora convocada para rexeitar que se optase por taxis para facer o traslado de pacientes a diáleses, o que, asegurou, suporía "a perda de postos de traballo" neste sector, que cifrou entre "200 e 300" afectados. Tras ratificar que o taxi "non está habilitado para facer o transporte porque non reúne as condicións de hixiene" e asegurarlles o Sergas que "o transporte vaise a facer en ambulancia como agora", decidiron desconvocar as dúas xornadas de folga.

Ademais, sinalou que acordaron, ademais, reunirse co fin de abordar o "novo contrato do transporte programado". "A mobilización dos traballadores ten resultado", valorou Pastoriza. "Foi chegar a convocatoria de folga e sentaron connosco", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta