Bugallo pon de exemplo o foco da Mariña para pedirlle á xente que "diga algo" cando non se cumpran as normas

O alcalde de Santiago evita concretar se multará aos que non respecten a distancia de seguridade ou non leven máscara<.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, animou este venres aos cidadáns a "dicir algo" se se atopan nun lugar público no que non se están cumprindo as normas contra a COVID-19 e pide asumir a responsabilidade "persoal e colectiva" para evitar retrocesos.

"Se vemos que nalgún sitio non se respectan as normas, hai que dicir algo, por que o problema o temos todos", manifestou nunha rolda de prensa, na que advertiu de que, se se produce un brote, as consecuencias económicas poden ser "terribles". "Como vai funcionar este verán A Mariña?", preguntouse, en alusión ao rebrote rexistrado nesta comarca de Lugo.

Xosé Antonio Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
Xosé Antonio Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO

AXENTES

"Se vexo a alguén sen máscara, paréceme moi normal que diga: 'Ouve, esquéceches a máscara'", manifestou e argumentou que os axentes "non teñen capacidade para controlar a 97.000 composteláns, ademais dos turistas".

Bugallo replicou desta maneira a preguntas sobre se a Policía Local controlará e multará a persoas que non cumpran co uso de máscara nos lugares nos que se require. "Facemos todo o que podemos. Mal imos se os cidadáns traspasamos a responsabilidade persoal e colectiva, que afecta á saúde, ao emprego e á nosa calidade de vida, á policía", expuxo.

Respecto dos locais de lecer nocturno, Bugallo pronunciouse na mesma liña e pediu responsabilidade aos propietarios dos negocios e colaboración entre o tres corpos policiais --nacional, autonómico e local-- con competencias na cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta