"A educación está de loito, pero en loita": a protesta a prol do ensino público ante a Xunta

Demanda que non se desvíen aos concertada fondos que destina o Goberno e vaian todos para a pública-

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Unha vintena de persoas da plataforma OPOñomeaestaOPO realizou unha concentración silenciosa este venres ante a Xunta, en Santiago de Compostela, para demandar "un compromiso real" co ensino público.

En declaracións a Europa Press, Lucía Baltasar, membro da plataforma, criticou que a Consellería de Educación "está ausente", mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "di publicamente que prefire dedicar o diñeiro da educación" que vai enviar o Goberno central "a outros fondos", "no canto de destinalo a garantir a seguridade para unha volta ás aulas segura de alumnado, familias e profesorado".

Así, demandan que o Goberno galego garanta que os fondos que reparte o Executivo central "sexan todos para a pública", "aínda que desde a Xunta están a trasladar a idea de que se os deixan elixir tamén os van distribuír coa concertada".

Na protesta puidéronse ver carteis con mensaxes como: 'A educación está de loito, pero en loita'; 'Cociente segura. 2.000 contratacións máis' e 'Non á desviación dos fondos da educación', entre outros.

VOLTA ÁS AULAS

Sobre esa futura volta ás aulas, Baltasar quéixase de que "a día de hoxe non existe un protocolo", mentres "a Xunta xa anunciou que a súa intención non é contratar docentes nin baixar o cociente de alumnos, que é desmesurada". Pon de exemplo que "en cursos iniciais son 25 alumnos e en superiores de 30 alumnos".

Unha situación que contrasta con outras autonomías como Andalucía e Cataluña que "xa dixeron que ían baixar cocientes de 20 (alumnos)", polo que tacha de "vergoña que a día de hoxe a Consellería siga mantendo que non vai facer nada". Así mesmo, reclaman o aumento do profesorado nas aulas para garantir unha educación presencial de calidade para todos.

Protesta de OPOñomeaestaOPO ante a Xunta
Protesta de OPOñomeaestaOPO ante a Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta