Faustino Santalices e a nosa tradición musical

Hai sesenta anos que faleceu Faustino Santalices. El e Perfecto Feijoo foron os grandes restauradores do noso patrimonio musical. O boticario pontevedrés creando coros, Santalices recuperando cantigas do repertorio de coñecidos gaiteiros da época. Máis dunha vez relatou como o gaiteiro de Penalta lle aprendera a tocar o instrumento levado da man do seu tio: “Olla, Manuel. A este meu sobriño quero que lle ensines a tocar a gaita. Así que os domingos que non saias de festa, avísalo poñendo unha saba na pena que esta perto da túa pasa, para que non camiñe de balde”. Nese tempo Faustino Santalices estudaba nos Escolapios de Celanova e vivía en Vilanova dos Infantes.

Por Xosé Glez. | Vigo | 07/07/2020

Comparte esta noticia
Era tal o dominio da arte que tiña para tirarlle notas ao punteiro que sabía arromedar aos gaiteiros máis célebres que coñecera: o Bolero de Arnoia; o Penalta, o Carrasqueiro de Bande; o Couselo de Güin, o Tuno de Beade; o Rogelio de Porto de Eguas; os Maceiras, o Ventosela e o Liborio de Entrimo, entre outros moitos. Uns e máis outros tiñan o seu xeito peculiar de mover os dedos no punteiro.Uns  tocaban a dedos abertos e outros pechado; técnicas que diferían no resultado dos sons.
 
Tiven a oportunidade de coñecer a magna obra de  Santalices a través do seu fillo Faustino  co que compartin demoradas conversas. Froito delas foi a organización dun curso de verán da Universidade de Vigo celebrado en Celanova, a edición dun libro biográfico que escribíu Antón Seoane, e as xestións que fixeramos co concello de Bande para que o nomease Fillo Predilecto a título póstumo.Anos despois celebráronse exposicións xornadas de estudo sobre el.
 
Amais de ser un excelente gaiteiro, a Santalices débeselle a recuperación da zanfona inmortalizada no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago e en miniaturas de códices, no seu feitío orixinal, que foi o organistrum. Foi por volta de 1898 que tivera novas de que no lugar de Lueda, en Bande, había unha zanfona que lle mercou aos herdeiros dun vello zanfonista, talvez cego, pois era instrumento utilizado por eles en feiras e romaxes.
 
En Lugo, co mecenado de dous empresarios galeguistas, Antonio Fernández e Álvaro Xil e o patrocinio da Deputación provincial, dirixíu un obradoiro de construción de gaitas e zanfonas, instrumento que innovou, labor que anos despois continuaron outros, nomeadamente Antonio Corral. Aquel proxecto rematou, non sen antes ser complementado coa edición dunha valiosa discografía interpretando vellos romances e pezas populares nos que se notaba o inxenio poético de Ramón Cabanillas.
 
Grazas ao labor de Faustino Santalices, a zanfona acadou un prestixio inimaxinable no seu tempo. Tal foi así que Isidro Maiztegui, fillo dun vasco e unha galega, un crioulo arxentino, reputadísimo compositor, cando lle escoitou tocar o instrumento a Santalices, concebíu a idea de facer “un poema sinfónico que puidese facerlle ver ao auditorio que estaba oíndo unha zanfona monumental”.
 
A zanfona existe porque Faustino Santalices a rescatou do esquecemento e innovou. Milladoiro, que foi o grupo que durante moito tempo proxectou internacionalmente a música étnica incorpou o instrumento no seu repertorio, mesmo facendo unha acertada interpretación do “Alalá das Mariñas”, fusionando a súa música coa voz do propio Santalices recuperada dun disco remasterizado. Afortunadamente hoxe temos bos continuadores como é  SonDeSeu, orquestra de música folk e tradicional de Galicia , fundada e dirixida por Rodrigo Romaní, á que incorporou seis zanfonas.
 
A música tradicional galega ten hoxe moitos e bos valedores. Gaiteiros, corais e orfeóns que enchen con milleiros de persoas auditorios e espazos abertos composto por distintas xeracións contaxiando sentementos fondos de galeguidade. 
 
As comisións de festas dos concellos e parroquiais deberían incluír nas súas programacións máis música galega que nos cohesiona e fair sentir máis galegos. Pidamos pois mil festas máis para a lingua galega como pregoa a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. 
 
A Deputación Provincial de Ourense faría xustiza se acordase nomear Fillo Predilecto da provincia a título póstumo a Faustino Santalices. Unha oa ocasión para seguir retomando o discurso do galeguismo musical.

Faustino Santalices
Faustino Santalices
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA