Méndez Romeu: "Feijóo sabía dende o comezo que a empresa da Fábrica de Armas era insolvente"

O ex-portavoz do PSdG no Parlamento sitúa á Xunta nun “contubernio” con Defensa e o Concello da Coruña para sumir na inacción á planta e dedicar os terreos á especulación. No entorno da polémica adxudicataria figuran varios personaxes próximos ó PP imputados na Zeta e a Campeón.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Case 6 anos despois de que o goberno de Rajoy adxudicara a Fábrica de Armas da Coruña a Hércules de Armamento persisten as dúbidas sobre un proceso con máis sombras que luces e moitas incógnitas por aclarar. Entre elas, por que a empresa de Ramón Mejuto non chegou a producir unha soa bala en 5 anos ou que razóns tivo o ministro Morenés para non desaloxar á sociedade cando esta deixou de pagar a Facenda e os seus traballadores. O maior dos interrogantes que sobrevoan a antiga Santa Bárbara, porén, é por que o Goberno de Rajoy outorgou a Fábrica a unha empresa coas contas falseadas, tal e como publicou o GC

José Luis Méndez Romeu, portavoz parlamentario do PSdeG
José Luis Méndez Romeu, portavoz parlamentario do PSdeG | Fonte: cadenaser.com

Aínda que a irregularidade contable de Hércules de Armamento non foi probada pola Xustiza ata este mes de febreiro, era vox populi entre os antigos empregados de General Dynamics, que denunciaron sen éxito o concurso en repetidas ocasións. Tamén a Xunta estivo ó tanto da irregularidade “dende o comezo”, segundo asegura o que fora portavoz do PSdG no Parlamento nos anos da adxudicación, José Luis Méndez Romeu. O ex-deputado coruñés, xa retirado da política, foi un dos poucos representantes que levou ás institucións as sospeitas de “pelotazo urbanístico” alegadas polo presidente do antigo comité de empresa da factoría, Roberto Teijido. 

Hoxe, máis de 5 anos despois, Méndez Romeu defende que existiu un “contubernio” a 3 bandas -Concello, Xunta e Goberno central, todos en mans do PP por aquel entón- para sumir na inacción á antiga Santa Bárbara e dedicar os terreos á especulación inmobiliaria. “Sabíase que a empresa era insolvente”, apunta. “O obxectivo da adxudicación era que a Fábrica non producira nada para poñer de manifesto que non tiña futuro e aproveitar os 300.000 metros cadrados para edificar”, defende o socialista, que asegura que o plan contou coa “colaboración” da Xunta de Galicia. “Feijóo e Francisco Conde respaldaron claramente o proceso”, concreta.

O “AMIGO” DO PRESIDENTE E OUTROS IMPUTADOS

Tanto o Presidente da Xunta como o Conselleiro de Industria negaron en reiteradas ocasións ter tomado parte nun proceso que Conde chegou a eloxiar pola súa “rigorosidade e transparencia” nun pleno parlamentario. A traxectoria da Fábrica a mans de Hércules de Armamento, porén, está salpicada de persoeiros próximos ó Partido Popular que resultaron imputados nas operacións Zeta e Campeón, en algúns casos con consecuencias penais. 

Fábrica de Armas da Coruña
Fábrica de Armas da Coruña | Fonte: onemagazine.es

O destacado destas aparicións é que se producen, na súa maioría, cando os personaxes en cuestión xa estaban sendo investigados pola Xustiza. Así acontece con Sergio Diéguez Sabucedo, imputado na Operación Zeta por ter administrado presuntamente dúas sociedades do cerebro da trama, Gerardo Crespo. Sabucedo exerceu como avogado de Hércules de Armamento, chegando a formar parte do consello de administración da empresa entre xaneiro e marzo de 2015, momento no que foi expulsado xunto co resto da cúpula por Ramón Mejuto.

No entorno da adxudicataria -sinala Méndez Romeu- figurou tamén Pachi Lucas, o suposto “conseguidor” da Operación Zeta que Gerardo Crespo caracterizou como “amigo” de Núñez Feijóo. Precisamente, o empresario madrileño tería exercido como “mediador” ante Defensa no proceso de selección de Hércules de Armamento, unha labor da que se encargou a instancias da Xunta de Galicia, segundo defendeu nun pleno en 2014 o ex-voceiro do PSdG.

Por último, Juan José Gómez Rey -dono, xunto con Mejuto, da empresa insolvente- contratou a Carlos Silva, condenado na Operación Campeón por ter desenvolto "negociacións prohibidas a funcionarios" cando era subdirector do IGAPE, para a firma Businessnear, unha das dúas sociedades que emitiron facturas falsas para engordar de xeito fraudulento o capital de Hércules de Armamento. O papel de Silva, fichado apenas unhas semanas despois da adxudicación, podería ter ido máis alá da consultoría de Gómez Rey, xa que -segundo afirmou en 2014 o PSdG nunha nota remitida a medios- o condenado chegou a “desenvolver labores comerciais” para a empresa da Fábrica de Armas.

UN PROCESO SEN RESPONSABILIDADES

A pesar das sospeitas levantadas pola adxudicación, o concurso de Defensa non chegou ós tribunais en ningún momento, nin sequera despois de este mes de febreiro o TSXG confirmara que o capital de Hércules de Armamento era fraudulento. A propia sentenza do Superior sementa novas dúbidas sobre o proceso, xa que o xuíz confirma a falsidade das contas partindo da mesma documentación que o comité de empresa de UGT empregara nas súas denuncias de 2014 e 2015, que nunca prosperaron

Segundo relata o seu antigo presidente, Roberto Teijido, os traballadores do comité presentaron recursos ante a Facenda Pública, a Seguridade Social, a Fiscalía Xeral de Galicia, o Delegado do Goberno, a Valedora do Pobo, Defensa e a Consellería de Industria. Ningún foi atendido. “A maioría nin sequera nos respondeu”, recorda Teijido, que subliña que a Xunta estaba ao tanto das contas de Hércules “polo menos dende setembro de 2014”, momento no que lles remiten a documentación da adxudicataria.  

Teijido coincide con Méndez Romeu ao afirmar que o executivo de Feijóo tiña coñecemento da irregularidade dende os primeiros compases da polémica. Nese aspecto, o ex-portavoz critica o “cinismo aplastante” de Conde e o propio Presidente cando nas intervencións parlamentarias deses meses “fuxían” do tema.“7 anos despois só sabemos que todas as explicacións de Feijóo resultaron ser falsas”, subliña.

Romeu e Teijido lamentan que o proceso caera no esquecemento sen provocar consecuencias penais nin políticas. “Dixeron o que dixeron porque en Galicia nunca pasa nada. Os medios de comunicación non levan estes temas ata o final”, sinala o que fora Conselleiro durante o bipartito. “A Xustiza dá a razón ós traballadores e non pasa nada”, destaca Teijido, que esixe responsabilidades: “Morenés xa se foi, pero Paco Conde segue aí. E Feijóo tamén”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Demencia senil

2 Heliotropo

... correndo o xulgado , despois do 12 rematan as ansias de xustiza , e xa podese seguir desfrutando da sopa boba ...

1 Gamela

Mendez Romeu como Conselleiro da Presidencia é o máximo responsable de que a día de hoxe a Xunta e toda a Consellería de Educación teñan vivos contratos millonarios con Windows e o uso dos sistemas abertos Linux sexan historia pasada en Galicia ! ¿Cantos cartos levou para casa o señor Romeu? https://twitter.com/00Gamela/status...