O primeiro "hackatón" virtual celebrado en Galicia outorga dous premios en innovación

Máis de 50 participantes traballaron durante catro xornadas en 16 equipos para tentar dar resposta a cinco retos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 20:42

Comparte esta noticia

O primeiro 'hackatón' virtual que se celebra en Galicia recoñeceu a un supermercado 3D, unha aplicación para feiras virtuais e un dispositivo para minizar o contacto con superficies.

Segundo informa a Xunta nun comunicado, os tres eventos seleccionados levarán un premio de 1.000 euros e o asesoramento personalizado dos proxectos durante un período de seis meses.

Este evento, organizado pola Xunta en colaboración con 40 entidades, celebrouse entre os días 27 e 30 de xuño, co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras para axudar á industria, o comercio e o emprego.

Máis de 50 participantes traballaron durante catro xornadas en 16 equipos para tentar dar resposta a cinco retos.

PROXECTOS

O equipo TouchLess Technologies, formado por Xabier Crespo Álvarez, Luís Miranda Acebedo e Daniel Pérez Milian da empresa viguesa Scrobotics; e Pedro José González González e Rafael R. Gerardo Weisz da empresa madrileña Ubiquotechs; tutorizados por Iago Soto da empresa Quobis, presentou unha solución ao reto de Solucións "de baixo contacto".

SC Touchless é un dispositivo deseñado para minimizar o contacto con superficies coas que habitualmente interactúan múltiples usuarios, por exemplo as pantallas de información ou as máquinas de 'vending'.

O equipo Virtual Market, formado por Manuel Canedo Tabarés, de Santiago de Compostela; Amanda Cifuentes Dengra, de Murcia; e Alba Arroxo Centeo, de Lugo; e mentorizados por Santi Vidal, María Luaces e Estefanía Montero da empresa Kelea, responderon o reto "repensando a venda ao público".

A partir dunha análise dos factores que inflúen no volume de vendas dos supermercados en liña, desenvolveron un prototipo de supermercado virtual que mellora a experiencia de compra satisfacendo necesidades como a de percepción visual e interacción social.

Por último, o equipo FEDI, composto por Pablo Boullosa García, de Cambre; Jacobo Fiaño Salinas, de Oleiros; e Jesse Anthony Lago López, de Muros; e tutorizados por Andrés Gómez, do CESGA, presentaron unha solución ao reto dun novo comercio. Desenvolveron unha aplicación que serve como solución estándar para organizar feiras virtuais en 3D de diferentes características, ofrecendo múltiples opcións de personalización.

Imaxe do novo dispositivo de impresión 3D. CUHK
Imaxe do novo dispositivo de impresión 3D. CUHK

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta