O brote da Mariña segue avanzando con 26 positivos máis confirmados

Aumenta a catro o número de ingresados polo brote.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros 26 casos positivos de persoas afectadas por coronavirus no brote da Mariña Lucense, o que eleva a 85 o número total de casos detectados. Dos 85 casos positivos “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Aumenta a presión hospitalaria no Hospital Público da Mariña; ás dúas persoas ingresadas, un home residente en Burela de 71 anos e unha muller que foi hospitalizada en atención a outra patoloxía e deu positivo na proba PCR, súmanse outros dous pacientes.

As persoas cuxas probas deron resultado negativo, indica o Sergas permanecen en seguimento no seu domicilio. Hai, segundo a Consellería de Sanidade, “máis de 700 persoas” confinadas, e realizáronse “máis de 1.000 probas PCR”.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse, expón o Sergas, na tarde do martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas confírmase a existencia de 85 positivos en covid-19 relacionados con este brote.

279 EN GALICIA

O número de casos activos de coronavirus en Galicia caeu ata os 279 este sábado. Este indicador débese á redución de positivos en todas as áreas sanitarias salvo na de Lugo, na que seguen aumentando. Os datos facilitados pola Consellería de Sanidade indican que o total de pacientes positivos reducíronse en 39 respecto deste venres, pasando de 318 a 279. Catro deles mantéñense en unidades de hospitalización, mentres que outros 275 están a ser atendidos nos seus domicilios. Os curados ascenden, ademais, a 10.722 persoas.

Este descenso xeral débese á redución de positivos na maioría de áreas sanitarias, tanto en Vigo (pasa de 122 a 101), A Coruña (de 63 a 50), Santiago (de 24 a 20), Ourense (17 a 10), Ferrol (10 a 7) e Pontevedra (5 a 4).

Tamén se realizaron máis de 3.000 novas PCR respecto ao venres, que ascenden a 195,159 ata o momento, aínda que os curados sitúanse en 10.722 persoas.

SEN NOVIDADES NAS RESIDENCIAS

As residencias de maiores e de atención a discapacidade en Galicia continúan cun caso positivo de COVID-19 que corresponde a un traballador, segundo os datos actualizados este sábado polas consellerías de Política Social e Sanidade.

En concreto, as residencias galegas non teñen casos positivos de COVID-19 entre os seus usuarios desde este martes pasado tras recibir a alta os tres que o luns restaban entre estes, todos eles na residencia Santa Teresa Jornet na Coruña.

Deste xeito, na Comunidade galega hai activo un caso positivo dun traballador da residencia Santa Teresa Jornet da Coruña, segundo os datos actualizados pola Xunta.

Desde o sábado 13 de xuño non hai novos casos positivos, nin de usuarios nin de traballadores, nos centros de atención a persoas con discapacidade de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Ana

Mirade que é grande España e casualmente o rebrote aparece en A Mariña. ¿Seica as protestas atraen o bicho?. ¿Seica A Mariña e a zona mais comunicada do pais e a que atrae mais turismo?. Por certo, ¿non decían que poñendo o bozal/mascarilla xa se evitaban os contaxios?. Un consello: Apaga a Tv e pensa por ti mesmo.

1 Conavirus

Nom queremos pensar, queremos a propaganda e as alburgadas do televexo e dos jornais, ca somos ovelhas, meeeeeheeee!!!