Casado pide o voto para Feijóo, "un paraugas no que todos se poden acubillar"

Ante a ausencia do propio Feijóo, o presidente do Partido Popular ofreceu un discurso en Pontevedra no que colmou de eloxios a sanidade galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, lanzou este sábado en Pontevedra unha "mensaxe de tranquilidade" aos galegos para que vaian ás urnas das eleccións do próximo 12 de xullo. Así, tamén pediu o voto polo actual titular da Xunta e candidato dos populares á reelección, Alberto Núñez Feijóo, porque representa "un paraugas no que todos se poden acubillar".

Así se pronunciou Casado durante un discurso ofrecido tras camiñar por un tramo do Camiño Portugués que atravesa o centro de Pontevedra. Estivo acompañado da vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor, o líder do PP na provincia e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e unha representación do partido integrada por dirixentes locais, deputados e senadores, todos eles ataviados con máscara.

A pesar da ausencia do propio Feijóo, quen na mañá deste sábado tivo axenda institucional, Casado decidiu darlle o seu apoio a través deste percorrido polas rúas de Pontevedra no que decenas de viandantes pararon para saudalo co xa tradicional choque de cóbados.

Entre fotos con cidadáns e, mesmo, os aplausos que lle brindou algún simpatizante, a comitiva capitaneada por Casado, Pastor e Rueda achegouse a un posto electoral do Partido Popular. Alí paráronse a conversar cos militantes e a admirar o 'merchandising' que había encima da mesa, no que a imaxe de Feijóo cobraba todo o protagonismo.

Tras finalizar o paseo nos Xardíns de Casto Sampedro, Casado valorou ante os medios de comunicación o "fundamental" que é apelar á participación o 12X para que "ninguén quede sen decidir que quere para o futuro" de Galicia.

Por iso, afastou o medo aos rebrotes de coronavirus -- o detectado na Mariña ascende xa a 85 positivos e máis de 600 persoas confinadas-- e garantiu que os lugares de votación "van ter todas as medidas de seguridade". "Ten máis risco ir tomar un aperitivo a unha terraza que ir a un colexio electoral, que estará hixienizado", dixo.

Neste mesmo sentido pronunciouse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxo departamento coordina as medidas de prevención dos comicios. Precisamente por iso, proclamou que "a ninguén se lle quite a seguridade" de que pode ir votar o próximo 12 de xullo "con toda a liberdade".

FEIJÓO OU UN 'MEXUNXE'

Paralelo a iso, Casado volveu dar o seu apoio a Feijóo, quen representa "a mellor historia recente de Galicia e o mellor proxecto de futuro" para os seus cidadáns. Neste sentido, afirmou que o candidato á reelección é "unha garantía" fronte a "un 'mexunxe' de dez partidos que conforman catro propostas electorais distintas". A isto sumou a advertencia de que todas estas candidaturas pretenden "recrear un bipartito" similar á coalición de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009, pero que esta vez sería "elevado ao cubo".

Para pór á Xunta como exemplo de xestión, Casado botou man dos datos do paro dados a coñecer esta semana e destacou que Galicia "está á cabeza de creación de emprego" a nivel estatal, mentres "triplicou as afiliacións á Seguridade Social".

FELICITA A "PREVENCIÓN" DA XUNTA

Non en balde, tamén felicitou que o Goberno de Feijóo foi "moi precavido" e "moi garantista" á hora de "previr as medidas" fronte á pandemia da COVID-19. De feito, colmou de eloxios a sanidade galega, que "está perfectamente preparada para calquera continxencia". Facendo gala do lema escollido polo PP para a campaña das galegas --'Galicia, Galicia, Galicia'--, Casado expresou que "quen mellor" o pode representar é Feijóo, "unha persoa dedicada á súa terra" e que leva xa tres lexislaturas achegando "moito benestar" aos galegos.

O presidente do PP, Pablo Casado, realiza unha intervención fronte á antiga delegación de Facenda, nos Xardins de Casto Sampedro, en Pontevedra (Galicia
O presidente do PP, Pablo Casado, realiza unha intervención fronte á antiga delegación de Facenda, nos Xardins de Casto Sampedro, en Pontevedra (Galicia | Fonte: España) a 4 de xullo de 2020.. Beatriz Ciscar - Europa Press

ENDESA NAS PONTES

Pablo Casado tamén visitou este sábado o municipio das Pontes, agora si acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e prometeu que "dará a batalla" nas Cortes Xerais pola continuidade da central térmica de Endesa nas Pontes, algo que "desde logo o fará posible" a súa formación "cando chegue" ao Goberno de España. Co atril de costas á mesma planta, cuxo peche ameaza centos de empregos directos e indirectos, Casado lembrou que "leva moito tempo dicindo que as centrais térmicas son sustentables" medioambientalmente "se se fixeran os investimentos" preceptivos.

Así, valorou que Endesa "investiu 200 millóns de euros" na central das Pontes, "unha das poucas" térmicas "con capturas de CO2 activas". Aínda así, lamentou, "quérese manter pechada" a pesar de que "outros países" abren este tipo de instalacións.

ALCOA E O ESTATUTO ELECTROINTENSIVO

De forma paralela, Casado referiuse á situación pola que atravesa a fábrica de aluminio de Alcoa San Cibrao, en Cervo, con máis de 600 empregos no aire. Tras lembrar que se reuniu en dúas ocasións co seu comité de empresa, volveu explicar que o líder do PP galego o chamou na campaña das eleccións xerais do pasado 10 de novembro para "incorporar" ao programa da formación un estatuto para as industrias grandes consumidoras de electricidade.

"E comprometémonos a levar ao Parlamento de España todas as medidas necesarias para que a planta non pechase", asegurou, para seguidamente engadir que agora é parte do seu "compromiso" para cando goberne. Neste contexto, Casado aseverou que garantir un prezo "rendible" da enerxía a estas industrias "é a responsabilidade dun Goberno de España", porque "o que non se pode facer é trasladar a responsabilidade" á Xunta, que "se deixou a pel polos traballadores de Alcoa".

Non en balde, o presidente do PP refugou "calquera acusación que se faga á Xunta" respecto diso, que "pelexou" por San Cibrao "en Madrid, en Santiago, en Bruxelas e en Estados Unidos". Mentres tanto, criticou que os partidos da esquerda galega non puxesen "unha condición á investidura de Sánchez para salvar" a planta de Cervo.

FEIJÓO, UN PROXECTO "TRANSVERSAL"

En clave de campaña de cara ao 12J, Casado incidiu en que o proxecto que lidera Feijóo é "transversal" e "moderado", porque cabe "todo o que non é radical": "Todos aos que lle importa a súa terra. Todos os que soan en galego pero que tamén senten españois (...). Todos os que queren pagar menos impostos. Todos os que queren un rural con servizos sociais e sanitarios. Incluso aqueles socialistas que lexitimamente votaron sempre PSOE pero agora non lles gustan as cousas que están a ver".

Coas mesmas palabras que utilizou pola mañá durante unha visita a Pontevedra, o presidente do PP nacional apelou a ese "paraugas común" que representa Alberto Núñez Feijóo e fixo un chamamento á mobilización o próximo 12 de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta