A produción industrial cae en Galicia un 33,6% en maio, case seis puntos máis que a media estatal

A caída da produción dos bens de equipo foi do 49,5%, entre os que se inclúen a fabricación de automóbiles.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/07/2020 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O índice de produción industrial (IPI) en Galicia rexistrou un descenso do 33,6 por cento en maio, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), e que reflicten que a caída é case seis puntos superior á media de España.

Os datos publicados sinalan que a caída de produción de bens de consumo foi do 43,9 por cento. Así, o descenso en bens de consumo duradeiro foi do 45 por cento, e o de consumo duradeiro foi do 43,8 por cento.

Con respecto aos bens de equipo, entre os que se inclúe a fabricación de automóbiles, o descenso que reflicte o INE en Galicia durante o mes de maio foi do 49,5 por cento; mentres que tamén se rexistrou unha baixada na produción de bens intermedios (unha caída do 27,2 por cento). Finalmente, nese período rexistrouse un descenso do 2,5 por cento na produción de enerxía.

DATOS NACIONAIS

A nivel nacional o IPI, corrixido de estacionalidade e calendario, subiu un 14,7% en maio en relación ao mes anterior despois de dous meses de fortes retrocesos mensuais.

O organismo explicou que a industria empezou a recuperar en maio o seu ritmo de actividade despois da paralización case total da maior parte do tecido produtivo durante a primeira parte do mes de abril. O repunte de maio contrasta así coas caídas mensuais do 22,1% e do 13,6% rexistradas en abril e marzo, respectivamente.

Segundo o INE, o maior dinamismo mensual da produción en maio produciuse precisamente na industria de bens de consumo duradeiro e na de bens de equipo, sectores que máis sufriron a parálise en abril e que en maio rexistraron alzas mensuais do 100% e do 51,2%, respectivamente.

Por actividades, fabricación de vehículos (+362,9%), industria do coiro e calzado (+159,7%) e fabricación de mobles (+96,6%) foron as que máis creceron en maio en relación ao mes anterior.

FORTE RETROCESO ANUAL, PERO MÁIS MODERADO QUE O DE ABRIL

No entanto, pese ao repunte mensual, os datos anuais seguen reflectindo o impacto da crise sanitaria na produción industrial. Esta esborrallou un 27,8% o pasado mes de maio en relación ao mesmo mes de 2019

Evolución da produción industrial en Galicia. EPDATA
Evolución da produción industrial en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Este descenso é inferior ao rexistrado en abril, cando a paralización case total do sector industrial na primeira quincena de mes provocou o maior retroceso anual deste indicador desde 1976 (-34,1%). Co esborralle interanual de abril, a produción industrial encadea tres meses consecutivos en taxas negativas.

Corrixida de efectos estacionales e de calendario, a produción industrial afundiuse un 24,5% interanual en maio, con retrocesos en todas as actividades, especialmente na confección de pezas de vestir (-80,6%) e fabricación de vehículos (-63,1%).

Pola súa banda, industria química (-13,4%), captación, depuración e distribución de auga (-13,6%) e industria do papel (-14,5%) son as que menos reducen a súa produción respecto de maio de 2019.

TODOS OS SECTORES RECORTAN A PRODUCIÓN ANUAL

Analizando os datos por sectores, os datos sen corrixir mostran retrocesos interanuais do 40,9% nos bens de consumo duradeiro, do 39,7% nos bens de equipo, do 26,9% nos bens intermedios, do 23,7% nos bens de consumo non duradeiro e do 17,6% na enerxía.

Os índices corrixidos de efectos estacionais e de calendario presentan tamén taxas anuais negativas en todos os sectores: bens de consumo duradeiro (-36,5%), bens de equipo (-36,4%), bens intermedios (-23,4%), bens de consumo non duradeiro (-19,6%) e enerxía (-16,6%).

A produción industrial diminuíu en maio en todas as comunidades autónomas en taxa interanual. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta