Boyanka Kostova: "O ritmo da muiñeira encaixa de cabeza co do trap. A mestura tiña que saír ben"

Cibrán García e O Chicho do Funk veñen de lanzar o seu terceiro álbum, Os dous de sempre, onde experimentan novas fusións e toman camiños diversos co trap como punto de partida. Son dos poucos que o fan en Galicia e en galego, e os únicos que colocan o xénero na contorna rural.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Pioneiros do trap en galego, impulsores do 'twerking rural' e padriños do flow costumbrista de pobo. Boyanka Kostova é todo iso. Baixo este potente nome, que colleron dunha deportista búlgara alá polo ano 2016, Cibrán García e O Chicho do Funk constrúen e deconstrúen, rachan patróns, leis non escritas e liñas vermellas. Só nese momento, unha vez que conseguen esnaquizar todo o que viña predefinido, comezan a xogar para chegar a lugares que, se ben nos poden resultar comúns, nunca antes foran explorados. "O que facemos é transgresor por libertario", explican eles. E é que en realidade todo é moito máis sinxelo do que parece. Detrás non hai unha intencionalidade excesivamente meditada. A súa música nace da naturalidade de ser eles mesmos, conscientes de onde parten e a onde queren chegar. 

Cibrán e Chicho, de Boyanka Kostova
Cibrán e Chicho, de Boyanka Kostova | Fonte: remitida - Luís Díaz Díaz

Ás costas levan xa tres discos: Vella Canción Galega, Nova Canción Galega e Os dous de sempre, que lanzaron hai pouco menos dun mes. No canto de montar nun Mercedes, eles botan man dun cabalo; no canto de presumir de diñeiro, eles falan de leiras, orquestras, futbolistas do Dépor ou mesmo de Abel Caballero. "Os dous vivimos toda a vida na aldea e o que queremos é contar o noso día a día. Non nos sentiriamos naturais se agora nos apropiamos das típicas temáticas do trap porque non sería certo; quedaría falso e impostado. Por iso o trap rural é un punto de partida bastante lóxico", conta Cibrán ao outro lado do teléfono.

"Herdeiros dos grandes mitos como Os Resentidos ou Siniestro Total", empregan sen miramento os ritmos e sons urbanos para dar voz ao rural. "Trap descontextualizado, outro tipo de glamour", preséntanse. 

TRAP E MUIÑEIRA

Nun destes camiños diverxentes polos que transita Boyanka Kostova atopáronse coa música tradicional. E por que non xuntala co trap?, pensaron. Levaban tempo fantaseando coa idea de combinar ambos os dous estilos, e foi o disco Os dous de sempre quen acolleu o primeiro experimento neste sentido. O resultado: Muiñeira de Interior; unha peza audiovisual que xa é sen dúbida unha das referentes deste ano. Coa realización de Xaime Miranda e a colaboración de varios grupos de baile tradicional, Boyanka Kostova rescata a Muiñeira de Cabana e mais de letras de Ana Kiro e Xosé Lois Campaña para chegar ao concepto que tiñan na cabeza: unir o tradicional e o actual, resignificar ritmos... Crear un cóctel molotov de licor de herbas!

Os propios comentarios en YouTube á peza audiovisual -- "Púxenlle isto a Yung Beef e agora é Ana Kiro" ou "Púxenlle o tema a Carlos Núñez e agora rapea como Chief Keef" -- deixan patente que nunca se debe dar nada por feito, e que é precisamente aí onde habita a liberdade. Fala Cibrán García:

Foi difícil? Préstase ben a muiñeira para o trap e o trap para a muiñeira?

O ritmo da muiñeira cadrábanos perfectamente co do trap. Encaixaba de cabeza, clarísimo! Tiña que saír ben. Ao principio fixemos probas e non acababamos de ver a saída, pero un día puxémonos en serio e consideramos que a forma en que a mestura podía funcionar era utilizando gaitas orgánicas. Non tiñamos a man ningunha persoa entón comezamos a buscar ata que chegamos á Muiñeira de Cabana. Dixemos: aquí hai chicha para samplear! Unha vez nese punto, tivemos bastante traballo pero foi fluído.

Este tipo de mesturas, como tamén fai Baiuca ou Rodrigo Cuevas, dannos a ver que queda moitísimo percorrido por explorar coa música tradicional... 

Dentro das músicas tradicionais hai aí un sector moi purista que pensa que é sagrado.  Durante moito tempo foi algo co que non se podía xogar por ser patrimonio, e tocar o patrimonio era visto algo así como facer un Ecce Homo coa muiñeira. Evidentemente hai que coidalo e tamén reflectilo tal e como é, pero agora estase abrindo un pouco o camiño. Igual que en Andalucía levan experimentando con flamenco e rock, flamenco e psicodelia... anos e anos e ven que funciona, era evidente que coa música galega tamén ía ter moita saída. E iso está ben!

Precisamente che ía preguntar por iso. Atopástesvos nalgún momento con ese discurso máis purista ou xa se vai superando?

Sempre hai alguén que che di que isto é unha ofensa e que hai que manter a esencia, pero nós non cremos que esteamos ofendendo a ninguén; simplemente é unha experimentación, un traballo artístico con dous estilos de música que nos gustan e que decidimos fusionar porque vimos a posibilidade de facelo. E xa está! E a quen non lle guste, terá que aguantarse e ao final acostumarase, digo eu!

Pode ser o trap, a electrónica e estes novos sons a vía para conectar a tradición e as novas xeracións?

Eu creo que é unha boa forma para introducir á xente moi nova na tradición, que se acheguen a ela e que lles mole. Ao final, moitos mozos chega un momento no que identifican esa música con 'cousa de vellos' que non van escoitar porque a escoitaban os seus pais e os seus avós. Daquela, esta é unha forma fácil de entrar. Evidentemente quen queira chegar á música tradicional o que ten que escoitar non é Baiuca nin Boyanka Kostova, senón Carlos Núñez, Susana Seivane, Cristina Pato... pero estes novos sons son un principio sinxelo para achegarse porque é ao que está aconstumada a escoitar a xente nova. 

Tedes pensado seguir explorando por este camiño?

Si que o falamos. Desde que a fixemos comentamos cousas... A posibilidade está sobre a mesa. Sempre imos facendo en función do que nos vai apetecendo. Igual non volvemos tocalo na nosa vida ou igual dentro de seis meses temos un disco de muiñeiras electrónicas!

"TRANSGRESOR POR LIBERTARIO"

Cibrán explica que van picando de onde lles vai molando en cada momento. Unhas veces proban cos ritmos da música tradicional, outras fan "o rap de sempre, sen florituras" (Ronaldinho, Os dous de sempre), outras achéganse ao reguetón e ao dancehall (Despacio, Os dous de sempre) e outras tiran polo trap máis hardcore (Raxo/Lomo, Os dous de sempre). Iso si, sempre cun leit motiv que une todo o proxecto: falar desde a súa propia realidade e experiencias.

É unha maneira de que a xente se identifique co que se está dicindo e facendo...

Claro. Se es un chaval de Barallobre ou de Sigüeiro, vai ser moito máis fácil que te identifiques con alguén que che diga que ten leiras e que imos á orquestra que cunha persoa que che diga que está bebendo whisky de 3.000 pavos cun Vip de non sei que. Queiras que non, pouca xente vivirá iso. 

Disasociades moito o trap das temáticas recorrentes deste xénero, moi identificado tamén coas letras e cos videoclips machistas... Sentides que tedes que pelexar contra certos estigmas?

Nós sempre dicimos que non hai ningún tipo de xénero que sexa machista ou que teña unhas constantes que sexan X ou Y. Simplemente hai persoas que son machistas e, tarde ou pronto, se escriben cousas, iso nótase de maneira evidente. Ao final, nós do trap o que collemos foi o son, que logo adaptamos ao noso día a día e á nosa vida. 

Nunca nos cortamos á hora de facer cousas novas porque chegamos a unha idade en que escoitamos e facemos un pouco de todo. Imos picando de onde nos vai molando. Pode parecer transgresor pero realmente é transgresor por libertario. Fuximos de ter que falar de A, B e C por facer un xénero concreto ou de utilizar tales sons para tratar temas do rural. Nós temos unha vida, gústanos un tipo de música e da mestura diso xorde unha combinación que, a verade, é bastante curiosa. 

Ás veces segue instaurado o discurso de que o galego te reduce á xeografía galega; vós sodes o claro exemplo de que isto non é así. Notades un interese crecente da xente por escoitar cousas diferentes, doutros lugares e noutros idiomas?

Estamos nunha época boísima para facer este tipo de cousas diferentes. En Galicia estámonos sacando a vergoña e parece que rexorde a defensa do noso, do popular. Hai un montón de xente coa que nos sentimos identificados. Aquí dentro pode ser Baiuca, e logo tamén está Rodrigo Cuevas... En Andalucía hai moita xente innovando cos flamencos, cos pasos de Semana Santa... Realmente está moi guai e a xente dáse conta de que as cousas non son como se pensaban ata o de agora. Vai marchando esa idea de que se ti fas música do teu sitio e non te vas a internacionalismos e globalismos es un paleto. Preservar a túa cultura propia vaille dar máis riqueza ao lugar de onde ti es. E está moi ben que por fin nos esteamos quitando as vergoñas de enriba. 

Que feedback recibides de fóra de Galicia?

Pois bastante guai. Si que é certo que as primeiras veces iamos co cu apretado por todas estas movidas: temas en galego, a ver como o toma a xente... Pero ao final o importante é que é música, e a música só pode ser boa ou mala música. Realmente o idioma é algo moi secundario... A Chicho sempre lle gusta moito dicir que se aquí vén Beyonce ou Kendrick Lamar íase petar pero realmente entenderíano unhas cantas persoas. A música ten que gustar, e logo se a podes entender, pois moito mellor!

Neste primeiro mes de vida de Os dous de sempre como está funcionando?

Estamos bastante contentos. É un disco no que non nos poñemos ningún tipo de atadura e que nos saíu bastante natural. Está feo dicir estas cousas, pero cremos que temos unha boa selección de temas e non consideramos que sobre ningunha canción. E a acollida está sendo moi boa, sobre todo polo tema da muiñeira, pero tamén en xeral. Dános pena non poder facer unha presentación en directo como se merece pero esperemos que á larga todo se vaia normalizando e nos poidamos quitar esa espiña. Polo demais todo está saíndo perfecto.

Dende dentro, como dirías que é a situación do trap en Galicia?

A escena do trap en Galicia é bastante pequena. Realmente somos catro gatos, pero tamén vemos que empeza a haber un pouco máis de movemento... 

E nun momento no que o trap soa en todas as partes, por que aquí non acaba de arrincar con forza?

En Galicia somos xente que imos amodo! Á xente cústalle quitar da cabeza o que leva pasando durante os últimos 15 ou 20 anos. Hai seis anos dicíase: "o trap! vaia merda!" e agora está en todas as partes. Eu creo que imos uns anos por detrás...

Antes de rematar, hai algo máis que queiras contar?

Por min está todo perfecto! Non me preguntaches por que cantamos en galego así que xa me dou por contento! [bota a rir].

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta