Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/07/2020 | Actualizada ás 20:40
O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe que se depuren responsabilidades na CRTVG tras a resolución da Xunta Electoral Central que considera probada a "vulneración dos principios de neutralidade, igualdade e pluralismo político" na información ofrecida logo dunha denuncia do BNG.
Este organismo entende que o posicionamento da Xunta Electoral demostra que a CRTVG está a vulnerar os principios xerais da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, así como o obxecto do servizo público, o réxime especial electoral, o pluralismo democrático e o dereito de acceso aos que obriga a devandita norma.
Polo tanto, o Intercentros esixe que se depuren responsabilidades e solicita a inmediata substitución do Director Xeral da Corporación.
"Para a maioría da representación sindical, as prácticas de manipulación promovidas pola dirección da CRTVG non só violan principios deontolóxicos da profesión xornalística, senón que están a desacreditar irreversiblemente os medios públicos en beneficio de inaceptábeis intereses persoais e partidistas", apunta o comité nun comunicado.
Así, lembra que a representación do persoal, os propios traballadores e traballadoras, ou movementos como #defendeagalega, levan anos denunciando unha "inaceptable situación de control interesado da información" por parte da dirección que está a provocar "un cuestionamiento social sobre a utilidade dos medios públicos e sobre a honestidade profesional do seu persoal".
Para o comité a sentenza ten que ter consecuencias sobre as persoas responsables de causar ese "descrédito", comezando polo propio Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que, di, "sistematicamente nega en Comisión Parlamentaria a existencia de prácticas manipuladoras, malia as queixas dos grupos da oposición".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.