Peritos rexeitan que Meirás se dese a título particular: "A diferenza entre Franco e o Estado é cero"

O catedrático José Manuel Busto considerou acreditado, en base á documentación existente, que a Francisco Franco "lle viraban o IBI".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/07/2020 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

Testemuñas peritas que prestaron declaración no xuízo pola devolución do Pazo de Meirás rexeitaron que o inmoble se dese Franco a título particular. "A diferenza entre Franco e o Estado é cero ou practicamente cero", expuxo o profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Emilio Grandío.

Na vista, puxeron tamén en cuestión, a preguntas do letrado que representa aos Franco, que estea acreditado que o ditador pagase o Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha condición de contribuínte que, entre outras, segundo sostén a parte demandante, suporía un "recoñecemento" ao dereito da propiedade por parte do ditador.

En concreto, o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto --membro da comisión de expertos que elaborou un informe, achegado pola Xunta co seu personamento e polo Estado-- considerou acreditado, en base á documentación existente, que a Francisco Franco "lle viraban o IBI".

No entanto, rexeitou que confirme "quen o pagou", dixo ante a exposición do letrado dos Franco quen apelou ao pago deste imposto ou aos rendementos da explotación agropecuaria para defender que o pazo foi entregado a Franco a título particular e non como xefe do Estado.

Xuízo pola devolución do Pazo de Meirás. Pool
Xuízo pola devolución do Pazo de Meirás. Pool | Fonte: Europa Press

ALUSIÓNS AO "GENERALÍSIMO"

Así sobre o pergamiño de 1938, polo que o Xunta pro Pazo doa o inmoble, esta testemuña perita rexeitou que se identifique como destinatario a Franco como "persoa física" e aludiu á inclusión de termos como "o fundador do novo imperio, xefe do Estado, generalísimo dos exércitos". Sobre esta cuestión, o profesor Emilio Grandío, vogal da comisión de expertos, apuntou á inclusión do termo "excelentísimo" na póliza de seguro do inmoble que pagaba, segundo a parte demandante, Franco.

"Un matiz importantísimo", dixo nunha declaración na que expuxo que entón "a diferenza entre Franco e o Estado é cero ou practicamente cero". "Quen lle ía dicir a Franco que non se xestione as súas cuestións privadas". Na súa intervención, insistiu en que neses momentos "todo o Estado se regula cunha dependencia absoluta de Franco", á vez que ratificou, como os testemuños doutras testemuñas peritas, que os gastos en Meirás eran sufragados polo Estado. "Non me consta", dixo preguntado polo avogado dos Franco se iso se mantiña á morte do Franco.

"GASTOS DE ENTRETEMENTO"

Antes, sobre a condición de Franco como contribuínte, o catedrático da UDC remitiuse a unha sentenza do Tribunal Supremo para pór en dúbida os argumentos da parte demandada a este respecto. "Son relevantes os feitos obxectivos, de actuacións directas no inmoble", dixo sobre as obras e outras actuacións sufragadas polo Estado. "Gastos de entretemento do Patrimonio Nacional", expuxo sobre como figuraban determinadas partidas.

Mentres o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Luís Miguel Macho, rexeitou que se puidese aplicar, en base a un regulamento de bens das entidades locais, a desafectación tácita de patrimonio público. Ademais, sostivo que tampouco se cumprirían os prazos a este respecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CastelaoPaSogama

Disque Grandío, coñecido por escribir tan ben, quedou como Cagancho en Almagro ante as preguntas dos avogados dos Franco (véxase o ABC). O que non entendo é que we permita unha pericia xudicial. No xuizo do Proves dixera Marchena que tal cousa era un insulto ao Tribunal.