Máis de 60.000 persoas xa exerceron o voto por correo e Correos destaca a "boa acollida" do sistema covid-19

Unha aplicación para móbil, que xa está dispoñible para descarga, permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo domingo, 12 de xullo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Un total de 63.266 persoas exerceron o seu dereito a voto a través do correo postal, unha posibilidade que pediron 76.920 persoas --segundo figura no INE--. Polo momento, entregáronse a documentación para poder exercer o voto a 70.141 electores.

Segundo a información achegada este mércores pola empresa pública postal, ao peche das oficinas o martes, un total de 63.266 galegos exerceran o seu voto por correo e, aínda que non puideron precisar os datos, fontes de Correos aseguraron  que tivo "boa acollida" a posibilidade de que no mesmo acto de entrega da documentación, o elector poida exercer o dereito a voto.

Este sistema habilitouse como media extraordinaria pola crise sanitaria do coronavirus. Así, os carteiros, ao entregar a documentación electoral --o cal ten que facerse directamente á persoa titular do voto-- ofrécelle a posibilidade de esperar e recoller o sobre co sufraxio, o que evita o desprazamento ás oficinas de Correos.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), foron aceptadas 76.920 solicitudes de voto: 29.926 (A Coruña), 23.871 (Pontevedra), 11.631 (Lugo) e 11.492 (Ourense).

A tres días de que termine o prazo ampliado establecido pola xunta electoral central para depositar o voto por correo, que conclúe o venres 10 de xullo, no horario habitual das oficinas postais e como máximo ata as 14 horas, o 81,6% dos solicitantes xa exerceu o seu dereito ao voto.

CIFRA HISTÓRICA

Deste xeito, nestas eleccións autonómicas de 2020 pódese rexistrar a marca histórica de voto por correo nuns comicios para o Parlamento de Galicia, desde a súa primeira celebración.

De feito, a cifra de peticións realizadas no marco da pandemia xa supón un máximo histórico en relación ás solicitudes de voto por correo dos procesos electorais autonómicos que viviu Galicia desde 2001, o último que inclúe na información que publica na súa web o Instituto Nacional de Estatística (INE). No que máis, foi nas galegas de 2016, con máis de 46.000.

Das solicitudes aceptadas, Correos xa puxera a disposición dos solicitantes do voto por correo, ao peche da xornada do martes, un total de 70.141 documentacións electorais.

Vehículo de Correos
Vehículo de Correos | Fonte: Europa Press


APLICACIÓN PARA MÓBIL

Unha aplicación para móbil, que xa está dispoñible para descarga, permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo domingo, 12 de xullo.

Segundo informou a Xunta este mércores nun comunicado, a aplicación pode obterse nas tendas de Android e de iOS e os datos poderanse consultar tamén na páxina https://resultados2020.xunta.gal, que estará operativa o domingo.

Os datos da web e da aplicación estarán actualizados en tempo real e conterán tanto as cifras autonómicas como por concellos. Incluirán comparativas coas eleccións de 2016.

A Xunta ten operativa tamén a web https://eleccionsgalicia2020.gal/, que centraliza a información de interese relacionada co proceso electoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta