Feijóo, a pesar de ter o segundo gran brote de España: "Galicia é un dos sitios máis seguros de toda Europa"

Acusa ao "multipartito" de "faltar ao respecto" ao "dicir que Galicia non é un lugar seguro para votar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acusou ao "multipartito" de "faltar ao respecto á maioría dos galegos" ao "dicir que Galicia non é un lugar seguro para votar". "Sospeitade daqueles que non vos deixan ir votar e queren ir facelo por vós", así o manifestou este mércores durante o mitin central do Partido Popular en Ourense celebrado na Carballeira en Santa Cruz.

Fronte á estratexia do "medo a votar impulsada por dez partidos que non se poñen de acordo", Alberto Núñez Feijóo propuxo "votar seguro". "Tomáronse todas as medidas sanitarias para conseguir que os colexios electorais sexan lugares seguros", incidiu. "Os galegos somos demócratas e teimudos e se nos din que o mellor é non ir votar, entón imos votar aínda con máis ganas e de forma máis contundente que nunca", declarou o presidente da Xunta de Galicia.

Alberto Núñez Feijóo tamén insistiu en que "se é posible, seguro e factible ir examinarse durante tres días seguidos na Selectividade, tamén o é ir aos colexios electorais durante 15 minutos o vindeiro domingo".

"FACER DEMAGOXIA COA PANDEMIA"

Tamén sinalou que facer agora "demagoxia coa pandemia" é "francamente doloroso" cando "Galicia é un dos sitios máis seguros de toda Europa e no que desde hai 4 semanas non hai case ningún ingreso en ningunha UCI".

O próximo 12 de xullo, "Galicia vai elixir entre unha Xunta que goberne ou un desgoberno na Xunta e marcará o porvir dos galegos ao escoller entre as certezas ou as incógnitas nun momento de inquietude", resaltou Alberto Núñez Feijóo.

LAZOS CON CASTELA E LEÓN

Pola súa banda, o presidente do PP de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, tamén insistiu na idea de que "o próximo día 12 de xullo Galicia xógase moito", nun acto no que se trasladou ata Ourense para mostrar o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo, como fixo en todas as campañas electorais anteriores.

Feijóo en mitin en Ourense
Feijóo en mitin en Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Inespal

Xa, xa, xa. Mira para o que dín os sanitarios da Mariña. As contas non cadran. Os catro alcaldes do PP dín o que seu amo quere oír. Vergoña de home, sempre primeiro a mentira que a verdade.