Un proxecto de vacina contra a COVID-19 na USC recibe unha achega de 20.000 euros

Foi a empresa de vehículos especiais Urovesa quen deu este "impulso" económico ao profecto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2020 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Un proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para desenvolver unha vacina contra a COVID-19 recibiu unha achega de 20.000 euros por parte da empresa de vehículos especiais Urovesa, que se incorporou á campaña de mecenado da institución 'Sumo valor' para apoiar as súas investigacións.

O proxecto está liderado polo profesor José Martínez Costas e trata de desenvolver unha vacina contra este coronavirus mediante micro/nano esferas, unha metodoloxía "xa desenvolvida" e aplicada "con éxito en dous virus de interese veterinario", dixo o investigador.

José Martínez, que se mostrou "moi agradecido" por esta achega, explicou que dará "un pouco máis de impulso" a esta investigación. Actualmente, o grupo xa ten listo unha primeira versión e "case" terminada a segunda, que se testarán inicialmente en Madrid e, cando se atope a máis efectiva, probarase en Alemaña.

Tras a firma do convenio de colaboración, o director científico do CIQUS da USC, José Luís Mascareñas, fixo unha defensa da investigación básica, que é "fundamental para toda a investigación aplicada" e mostrouse "esperanzado" cos resultados desta investigación.

Con respecto á actividade deste centro, Mascareñas explicou que cinco grupos de traballo do CIQUS están a realizar actualmente investigación relacionada co coronavirus, tres en antivirais e dous en vacinas. Así mesmo, subliñou que, dos 10 proxectos financiados en España para o desenvolvemento de vacina, dúas son deste centro.

FINANCIAMENTO ESTRUTURAL

Para pechar o acto, o reitor da USC, Antonio López, reivindicou o valor da investigación, o elemento "máis grande" que a universidade pode proporcionar á sociedade. Con todo, fixo fincapé en que este tipo de coñecemento "non se improvisa", se non que nace dun "traballo continuado, de anos" na institución.

Para apoiar os seus investigadores, a USC lanzou precisamente un programa de mecenado co que se tenta que tanto as empresas privadas como a sociedade se fagan "participes" da súa actividade.

Antonio López lembrou que esta pandemia "puxo en evidencia que a investigación é crucial". Para o seu desenvolvemento, determinou, son necesarios máis recursos, así como que se xestionen "doutro xeito". "É inmanexable que se faga a través de subvencións", dixo o reitor, que pediu fondos que garantan o "traballo basal" e "estrutural" destes centros.

Notas Dá Usc. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Notas Dá Usc. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta