"Era moi complicado e era a única muller nesa mesa", di Calviño tras perder a Presidencia do Eurogrupo

Destaca que a maior parte dos gobernos da UE son de dereitas.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/07/2020 | Actualizada ás 10:16

Comparte esta noticia

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital, a galega Nadia Calviño, asegurou este venres que España "tiña apalabrados polo menos 10 votos" na votación de onte para que fora nomeada presidenta do Eurogrupo.

"Pero ao final algún dos ministros non fixo o que dixo que ía facer", engadiu a vicepresidenta, que afirmou que "estas cousas pasan" e que o Goberno español sabía desde o principio que conseguir a Presidencia do Eurogrupo "ía ser unha loita complicada".

A vicepresidenta non quixo falar en ningún momento de "traizón" e lembrou ademais que o voto era secreto e telemático. "É imposible saber (quen cambiou o voto), non merece a pena especular. Pasemos páxina", dixo Calviño, que insistiu en que era unha carreira complicada.

"Partiamos con importantes desvantaxes porque hai unha maioría de gobernos do Partido Popular en Europa, porque xa viñamos dunha Presidencia dun país, non só do Sur, senón dun país irmán; nunca houbo unha Presidencia dun país grande precisamente porque o sistema de voto dá máis peso aos países pequenos, por non falar de que son a única muller nesa mesa", argumentou Calviño en declaracións a Onda Cero, a SER e RNE recollidas por Europa Press.

A vicepresidenta indicou que gañar a Presidencia do Eurogrupo sería a "primeira vez" de moitas cousas: primeira muller presidenta do Eurogrupo, primeira vez dun país grande, primeira vez que se repetiu un presidente do Eurogrupo da mesma zona xeográfica e do mesmo partido político.

Calviño asegurou que "queda" cos nove votos conseguidos e co importante apoio que recibiu tanto de países grandes como pequenos, do Norte e do Sur, do Partido Popular Europeo e do Partido Socialista.

A Vicepresidenta terceira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño. Javi Martínez / Pool / Europa Press
A Vicepresidenta terceira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño. Javi Martínez / Pool / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta