Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 11/07/2020 | Actualizada ás 12:45
Oito catadores especializados degustaron o venres 10 de xullo, nas instalacións do Consello Regulador, en Vilamartín de Valdeorras, un total de 28 referencias de brancos e 29 de tintos da comarca. Fixérono no marco da XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, que este ano decidiuse abrir a todas as adegas da comarca.
“A cata oficial cobra este ano especial protagonismo, en tanto en canto suporá un escaparate promocional para os nosos brancos e tintos en substitución da tradicional Feira do Viño, que tivo que ser cancelada como medida preventiva fronte á Covid-19”, afirmou García Pando.
Tradicionalmente, a cata ía dirixida a aquelas adegas que participaban na feira con espazo expositor de seu, mais nesta ocasión fíxose accesible a todas as interesadas. Segundo comunica o Consello Regulador, 23 foron as que remitiron mostras para seren avaliadas.
ENTREGA DE PREMIOS
A XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras porá en valor os mellores brancos e tintos da zona no marco dun acto público de entrega de premios que se celebrará o vindeiro 31 de xullo na comarca. Distinguiranse os tres mellores brancos e os tres mellores tintos e haberá unha mención especial para brancos e outra para tintos doutras añadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.