Uns 2,2 millóns de galegos están chamados ás urnas o domingo, unha cita cunha caída histórica do voto emigrante

Máis de 72.000 electores xa participarom por correo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2020 | Actualizada ás 09:50

Comparte esta noticia

Un total de 2.234.252 galegos están citados coas urnas este domingo, 12 de xullo, para participar nas eleccións autonómicas. En total, o censo ascende a 2.697.315 persoas, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.

Pola súa banda, o voto da emigración caeu de forma histórica, xa que só 12.359 electores do Censo de Residentes Ausentes (CERA) solicitaron o voto, unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século.

Así as cousas, este domingo están chamados a votar na Coruña un total de 927.938 electores; en Pontevedra, 773.024; en Ourense, 257.826; e en Lugo, 275.364.

Ademais, un total de 78.503 mozos poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas. Son 13.628 máis que na cita das xerais que tivo lugar o 10 de novembro de 2019.

Dos 78.503 votantes, 32.420 correspóndense coa provincia da Coruña; 30.473, coa de Pontevedra; 8.053, con Lugo; e 7.557, coa de Ourense. Desde o 5 de abril, sumaron 5.539 mozos ao censo electoral da cita estival.

 POR CORREO 

Un total de 72.161 galegos xa enviaron o seu voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia deste domingo, unha cifra provisional, a última dada por Correos a falta de sumar os votos do venres.

Esta cifra supón un incremento do 79,52% respecto ao anterior proceso electoral homologable, as eleccións autonómicas galegas que se celebraron en 2016 e, a falta do dato definitivo, xa supón a cifra máis alta de voto por correo rexistrado nuns comicios autonómicos en Galicia, desde a súa primeira celebración tras a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020,sobres, votos
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020,sobres, votos | Fonte: Europa Press

CONSTITUCIÓN DAS MESAS ELECTORAIS

Ademais, 11.856 galegos terán que constituír 3.952 mesas en 2.395 locais para que os cidadáns poidan exercer o dereito a voto nos 313 concellos galegos, divididos en 590 distritos e 2.156 seccións.

Por provincias, A Coruña conta con 1.543 mesas en 903 locais; Pontevedra ten 1.331 mesas en 668 colexios electorais; Lugo 536 mesas en 406 colexios; e Ourense conta con 542 mesas en 418 locais.

Así, ademais dos 11.856 titulares de mesa, tamén están chamados a acudir aos colexios un total de 23.712 persoas para cubrir calquera oco dunhas persoas que non asista ao seu posto, unha obrigación constitucional á que só é posible renunciar cunha escusa avalada pola xunta electoral.

Precisamente, as xuntas electorais de zona constataron un aumento de escusas con respecto a outras citas, motivado pola situación de crise sanitaria do coronavirus, un contexto ao que hai que sumar as limitacións nas que se atopa a comarca da Mariña.

De non cubrirse con titulares e suplentes, os cidadáns que asistan aos colexios a votar nese momento serán requiridos para cumprir con esa función. Haberá 2.667 representantes da administración autonómica que tamén velarán pola realización dos comicios nos colexios.

Como unha das medidas extraordinarias, motivadas polo covid-19, os presidentes de mesa nos colexios electorais deberán identificar os electores que ás 20.00 horas fagan fila para entrar no centro e poder exercer o seu dereito a voto en urna.

MEDIDAS DE SEGURIDADE

Co gallo de garantir a seguridade nos colexios electorais, a Xunta prevé pór ao dispor dos electores un total de 2.390.523 máscaras cirúrxicas, 43.320 botes de xel hidroalcóholico e 47.272 pantallas faciais de protección.

Para votar será obrigatorio o uso da máscara por parte dos cidadáns, aos que se lles facilitará unha no caso de que non conten con ela. Ademais, deberán hixienizar as mans con xel hidroalcohólico tanto no acceso ao local como despois da votación.

Precisamente, antes de exercer o seu dereito ao voto, os electores deberán depositar o seu DNI para identificarse nunha bandexa que haberá na mesa electoral e así reducir o contacto. Ademais, a cabina de votación estará disposta de forma que estea garantido o segredo ao voto pero sen que haxa que manipular as cortinas.

Segundo os datos facilitados a Europa Press pola Vicepresidencia da Xunta, ademais destes materiais de protección, haberá tamén representantes da Administración en cada local electoral con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública en todos os locais.  Este persoal tamén regulará o acceso e capacidade para evitar aglomeracións e colaborará para dar prioridade ás persoas maiores ou con discapacidade e que poidan acceder directamente á zona de votación.

Así mesmo, na entrada de todos os colexios haberá cartelaría informativa  para lembrar os requisitos que se deben de cumprir e, ademais, estarán sinalizadas as zonas de acceso e os fluxos de entrada e saída no interior dos locais para evitar cruces e garantir que se manteña a distancia de seguridade.

As persoas integrantes da mesa electoral e os interventores e apoderados dos partidos políticos contarán cunha pantalla facial, ademais do xel e as máscaras, para empregar toda a xornada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta