Pontón anima aos galegos a "expresarse" nas urnas porque este domingo "se xogan o futuro"

Destaca que notou como día a día se incrementou a "ilusión da xente" durante a campaña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, animou este sábado, xornada de reflexión previa ás eleccións autonómicas deste domingo, a que os galegos "se expresen" nas urnas para decidir "que Galicia queren construír".

Neste sentido, apelou a que a cidadanía empregue o día anterior aos comicios para pensar "que opción é a que máis lles convence", en "que país queren vivir", porque este domingo se "xogan o seu futuro".

Pontón, quen aproveitou a xornada de reflexión para tomar algo en Santiago de Compostela con amigos e familiares, entre eles a súa filla Icía, expresou o seu agradecemento "a todas as persoas que se implicaron na campaña" do BNG, tanto á militancia como á xente "non militante" que lle brindaron "apoio" e trasladaron "agarimo e ilusión".

"É certo que parecía unha campaña moi difícil na que iamos ter moi complicado poder reilusionar a tanta xente ao redor do noso proxecto. E o que notamos é que esa ilusión día a día crecía", asegurou a tamén portavoz nacional do Bloque. Por iso, agradeceu "todas as mostras de agarimo" recibidas, que fan "que a política teña algo máis de sentido", e subliñou o momento "importante" que supón para Galicia os comicios deste domingo.

"Que pensen que Galicia queren construír, con que Galicia soñan e que voten pensando en facer realidade ese soño", engadiu Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pasea coa súa filla na xornada de reflexión.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pasea coa súa filla na xornada de reflexión.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta