Por Galicia Confidencial | Verín | 12/07/2020 | Actualizada ás 16:53
Foi a imaxe desta mañá nas inmediacións do hospital de Verín e a carón do campo de fútbol do José Arjiz da vila. Ao longo de máis de dúas horas, a secuencia foi sempre a mesma: persoal do asilo de anciáns ou mesmo relixiosas empurrando cadeiras de rodas de anciáns con evidentes dificultades motoras e, poida que nalgún caso, ata congnitivas.
Cara as dez da mañá comezaron a chegar os primeiros maiores, ben empurrados por relixiosas, ben en automóbiles das auxiliares do xeriátrico próximo. As xa altas temperaturas que se rexistraban, 26 graos ás 10:30 horas, supuñan, para calquera, e máis para os anciáns, un evidente risco.
OUTRA XENTE DESISTIU DE VOTAR POLAS COLAS
Ao ser persoas maiores tiñan preferencia a hora de votar, o que provocou que xente máis nova desistira de exercer o seu dereito ao voto tras esperar máis de 20 minutos nalgúns dos casos. Grande parte dos maiores que alí votaron nesas horas procedía do asilo verinense.
As condicións climatolóxicas tan severas que se rexistraban levaron aos técnicos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín a instalar unhas carpas que protexesen aos que se vían obrigados a agardar a quenda dos maiores do asilo.
Ata a cara as doce do mediodía, a imaxe na avenida de Laza á altura do hospital foi a mesma: máis dunha ducia de anciáns en cadeira de rodas empurradas por persoal ou relixiosas camiño do ximnasio do campo de fútbol da vila de Verín, tal e como recolle o xornal colaborador DdT.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.