Entre o optimismo e a prudencia; así valoran as enquisas e a participación os partidos

Malia que evitan afondar en valoracións, compareceron ante os medios para destacar as "boas vibracións", como no caso do BNG. O PPdeG, pola súa parte, confía en que Galicia "falase alto e claro" e o PSdeG destaca a participación nos comicios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2020 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Tras o peche dos colexios electorais, algúns dos membros dos equipos dos partidos políticos saíron a comparecer ante os medios. Case ninguén fixo unha valoración clara das primeiras enquisas: prefiren esperar a que o escrutinio estea máis avanzado, din. Con todo, as actitudes duns e doutros xa deixaban algúns indicios. 

Votacións no 12-X
Votacións no 12-X | Fonte: © Miguel Núñez

PPdeG

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, evitou entrar en valoracións das enquisas tras o peche dos colexios electorais este domingo. Simplemente agradeceu a todos os galegos e galegas a súa colaboración para as "eleccións máis seguras da historia", unhas palabras que fixo extensivas á estrutura do PP, o "partido máis grande de Galicia e o que máis se parece a ela".

Na súa comparecencia, a única referencia de Tellado aos posibles resultados foi cando expresou que no PP confían en que Galicia "falase alto e claro".

BNG

A coordinadora de campaña electoral, Goretti Sanmartín, agradeceu a todas aquelas persoas que depositasen o voto para a formación nacionalista nestes comicios en que os colexios electorais acaban de pechar. Así mesmo, e tras rexeitar, como sempre fai o Bloque, valorar especificamente as enquisas coñecidas, si recoñeceu que hai boas "vibracións" e que se recibiu "enerxía positiva" durante todo o percorrido electoral.

As primeiras palabras de Sanmartín foron para "mandar todo o agradecemento" ás máis de 4.000 persoas que estiveron nas mesas como interventoras e apoderadas, "de apoio a todo o traballo que xa leva facendo o BNG nesta campaña". Así, lanzou un "forte abrazo" para as persoas militantes e simpatizantes, tras a xornada de traballo electoral.

En segundo lugar, tamén enviou un abrazo a toda a xente da Mariña, unha comarca na que foi "negado" un dereito básico, a "poder votar". "A Xunta tiña que garantir e facilitar eses mecanismos, e houbo centos de persoas que non puideron exercer o seu dereito a voto", lamentou. Neste escenario, Sanmartín agradeceu ás persoas que escolleron a papeleta do BNG. 

Á súa chegada, arroupada pola Executiva Nacional, ao restaurante compostelán convertido en cuartel xeral, a candidata e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que ten "boas expectativas", pero mostrouse "precavida". "Hai que esperar a coñecer o resultado das urnas. Asumiremos con deportividade a decisión dos galegos", remarcou.

PSdeG

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, asegurou que "as noites" electorais "non son como empezan coas enquisas a pé de urna senón como acaban" cos resultados finais do escrutinio.

Así se pronunciou ao ser preguntado polas últimas enquisas publicadas que sitúan ao PSdeG como terceira forza, por detrás do PP e BNG, á súa chegada á sede do PSdeG en Santiago de Compostela, onde foi recibido entre aplausos dos membros da súa candidatura.

GALICIA EN COMÚN

A coalición Galicia En Común-Anova Mareas augurou que este domingo se vivirá unha "noite longa" na que "hai partido" para un cambio na Xunta de Galicia, unha posibilidade que apuntan algunhas enquisas que relegan a esta formación ao último lugar con entre dous e catro deputados.

O encargado de comparecer ante os medios tras o peche dos colexios electorais foi o coordinador de campaña, Borja San Ramón, que non quixo entrar en consideracións sobre as primeiras sondaxes, que sitúan en cuarto lugar á candidatura que encabeza Antón Gómez-Reino.

CIUDADANOS

A portavoz de Ciudadanos na Coruña, María Vilas, destacou este domingo os bos datos de participación na xornada electoral na comunidade, eloxiando "a valentía de todos os galegos" que foron votar aínda a pesar da "situación tan excepcional" que se vive pola emerxencia sanitaria. Está previsto que a candidata, Beatriz Pino, ofreza unha valoración unha vez avance o escrutinio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta