A participación baixa cinco puntos respecto de 2016 e non chega ao 60%

A participación, que subira máis de catro puntos no primeiro avance de datos dado este domingo, ás 12,00 horas, situouse en niveis similares a fai catro anos coas cifras dos votantes que acudiran ás urnas ás 17,00 horas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2020 | Actualizada ás 22:56

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou, co 97,93 por cento escrutado, unha participación do 58,87 por cento nas eleccións ao Parlamento deste domingo, unha cifra que está 4,88 puntos por baixo da rexistrada nos anteriores comicios, celebrados en setembro de 2016 e que pecharon as urnas cun 63,75 por cento, sen contar o voto dos emigrantes.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu pouco despois das 22,00 horas para dar os resultados electorais co escrutinio ao 87,14 por cento. Nese momento o gañador era o PP, con 42 escanos; seguido do BNG, con 19 escanos e do PSdeG, con 14. O resto de forzas políticas non lograron representación na Cámara galega.

Villanueva agradeceu a participación dos cidadáns e a "todos os que traballaron para que esta xornada transcorrese con normalidade", pese ao contexto sanitario no que se desenvolveu.

Tras sumar o voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA) a participación situouse nas eleccións autonómicas de 2016 no 53,63 por cento.

En total, este domingo estaban chamados ás urnas 2.234.252 galegos. O censo total ascendía a 2.697.315 persoas, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.

A participación, que subira máis de catro puntos no primeiro avance de datos dado este domingo, ás 12,00 horas, situouse en niveis similares a hai catro anos coas cifras dos votantes que acudiran ás urnas ás 17,00 horas. Finalmente os colexios pecharon con menos papeletas que fai catro anos.

En concreto, co 97,93 por cento escrutado, os votos depositados ascendían a 1.288.556, aos que haberá que sumar as papeletas da CERA. Para esta cita electoral só 12.359 electores rexistrados no estranxeiro solicitaron o voto, unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, tras unha comparecencia de prensa nas eleccións do 12 de xullo de 2020. Xunta de Galicia
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, tras unha comparecencia de prensa nas eleccións do 12 de xullo de 2020. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

ABSTENCIÓN

A abstención nas eleccións galegas deste domingo elevouse ao 41,12 por cento, a máis alta dos últimos anos, se comparamos a cifra cos niveis de abstención (sen contar o voto de residentes no estranxeiro) doutras convocatorias autonómicas.

Así, nunha xornada marcada polas altas temperaturas e polas medidas de seguridade sanitaria para evitar posibles contagios de coronavirus, depositaron a súa papeleta 1.290.195 galegos (co 98,04 por cento do voto escrutado), o que supón unha participación do 58,88 por cento. No entanto, hai que ter en conta que, nesta cifra, non se contabiliza o voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA) que, habitualmente, fai descender máis a porcentaxe definitiva de participación.

Tendo en conta esta circunstancia e comparando os datos coa participación noutras citas electorais autonómicas (sen contabilizar o voto emigrante) , a porcentaxe de galegos que votaron é o máis baixo de, polo menos, os últimos 23 anos.

En 1997, o reconto da noite electoral arroxaba unha abstención do 33,7 por cento; en 2001, a abstención foi do 35,8 por cento; na cita de 2005, foi do 32,5 por cento; en 2009, a abstención foi a máis baixa da historia da autonomía, dun 29,54 por cento; en 2012, subiu ao 36,2 por cento; e en 2016, a abstención foi do 36,25 por cento. Todas estas cifras correspóndense ao cómputo provisional, sen o voto emigrante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta