Pau importante para Marea Galeguista, que se mantén en que o seu proxecto "é o futuro de Galicia"

A coalición non chega nin sequera ao 1% dos sufraxios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2020 | Actualizada ás 00:14

Comparte esta noticia

A Marea Galeguista, a coalición formada por En Marea, Partido Galeguista e Compromiso por Galicia, non só non acada representación nestas eleccións autonómicas, senón que queda por detrás doutros partidos minoritarios como Pacma. A candidatura non chega nin sequera ao 1% dos sufraxios. Estes resultados están lonxe do que agardaban destes comicios durante a campaña electoral. O seu candidato, Pancho Casal, mostrábase convencido de conseguir un deputado pola provincia de Pontevedra e outro pola provincia da Coruña.

O candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, exerce o seu dereito a voto na Coruña
O candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, exerce o seu dereito a voto na Coruña | Fonte: AGC

Agora, sen a posibilidade de entrar no Parlamento de Galicia, Marea Galeguista non logra o seu principal obxecto, facer da cámara un espazo máis plural e dialogante. Durante a comparecencia perante os medios, Pancho Casal asegurou que este é un proxecto que “está no inicio”. “Algúns, os que viven da política, dirán: ‘vaia desastre!’. Pero non é un desastre. Somos cidadáns que podemos ter eivas cando montamos un protecto, pero que o sente, e que tira para adiante”. 

Así, Casal, rodeado do seu equipo, falou convencido de que un proxecto como Marea Galeguista, “centrado, galeguista e progresista”, “é o futuro de Galicia”. “É evidente que hoxe non, pero ten que ser, porque as alternativas actuais non poden coa dereita galega”, asegurou. O certo é que o conxunto da esquerda non é capaz de derrotar a un Feijóo que mesmo se ve reforzado respecto das anteriores eleccións, cun total de 41 escanos. 

Pancho Casal aproveitou os seus minutos de comparecencia para arremeter, precisamente, contra as políticas de Feijóo, unha persoa que considera que “non confía en Galicia nin nas súas posibilidades”. O que resta agora para a Marea Galeguista, dixo, é tentar ser muro de contención “desde o traballo social”. O líder da coalición quixo agradecer tamén a toda a cidadanía o seu “voto con responsabilidade” e facer un recordo especial á xente da Mariña. 

En Marea, liderada no 2016 por Luís Villares, conseguira ser segunda forza política empatada co PSdeG con 14 escanos nas anteriores eleccións. Durante a lexislatura saltou polos aires e acabou descomposta. Agora, Pancho Casal tentaba revivila pero non conseguiu resultados. O futuro das Mareas, que se presentaron a estas eleccións baixo dúas candidaturas diferentes, vese neste momento comprometido. Esta chegada ao mínimo debería, quizais, motivar agora un cambio de estratexia ou unha recomposición que trasladara a idea dun proxecto unido e afastado de leas internas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta