Baixan un 19,4% as denuncias por violencia machista en Galicia no primeiro trimestre pola incidencia do coronavirus

É a segunda comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/07/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre deste ano un total de 1.397 denuncias por violencia de xénero, un 19,5% menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.736.

Protesta en Vigo contra o asasinato machista de Valga
Protesta en Vigo contra o asasinato machista de Valga | Fonte: © Miguel Núñez

Segundo datos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), a gran maioría das denuncias (1.060) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

Descende tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, ao pasar de 1.520 no tres primeiros meses do ano pasado ás 1.370 deste, o que supón unha diminución do 9,9%.

"Tanto a baixada do número de denuncias como de vítimas reflicten a incidencia da crise sanitaria da COVID-19, a pesar de que a actividade dos xulgados de violencia sobre a muller foi declarada esencial e non quedou afectada pola suspensión dos prazos procesuais nin paralizada en ningún momento", apunta o TSXG.

Os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar aumentou un 62,7%. Se nos tres primeiros meses de 2019 optaron por esta opción 75 mulleres, no mesmo período de 2020 fixérono 122, é dicir, o 8,9 % das vítimas.

SEGUNDA COMUNIDADE COA TAXA MÁIS BAIXA

Galicia situouse como a segunda comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 9,8 persoas, fronte ás 14,4 de media estatal

Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 529 ordes de protección nos órganos xudiciais galegos, fronte ás 433 de 2019, o que supón un aumento do 22,2%. Das 529 adoptáronse 360, o 68,5%.

O 79,9% das persoas axuizadas en Galicia por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que é do 87,26%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta