O desconfinamento fai subir os prezos pero déixaos por debaixo dos datos de 2019

O IPC rexistra un aumento do 0,6% en xuño respecto ao mes de maio, se ben en taxas interanuais a conta segue sendo negativa: 0'4% menos que en 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2020 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 0,6% en xuño respecto de maio, aínda que segue en taxas interanuais negativas (-0,4%), segundo os datos definitivos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En conxunto, no que vai de ano os prezos baixaron un 0,9% na comunidade galega. 

Variación do IPC en Galicia. EPDATA
Variación do IPC en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Os datos correspondentes ó Estado Español seguen a mesma tendencia. O IPC subiu un 0,5% en xuño en relación ao mes anterior e elevou seis décimas a súa taxa interanual, ata o -0,3%, fronte ao -0,9% de maio.

Con este avance de seis décimas no Estado, o IPC interanual rompe unha serie de catro meses de retrocesos e encadea xa tres meses en taxas negativas. O organismo estatístico atribuíu o aumento da taxa interanual do IPC ao encarecemento da electricidade e dos carburantes e combustibles, fronte á baixada de prezos que rexistraron en xuño de 2019.

DATOS POR SECTORES

Na variación interanual, a maior caída dos datos galegos prodúcese en transporte (-6%) e en vivenda (-5,2%). En cambio, soben alimentos e bebidas non alcohólicas (+3,3%) e hoteis, cafés e restaurantes (+2,5%).

Na comparativa de xuño fronte a maio, a vivenda (+2%) e os transportes (+1,7%) están á cabeza do ascenso. En cambio, vestido e calzado (-0,7%) e bebidas alcohólicas e tabaco (-0,5%) baixan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta