Xunta e traballadores de Alu Ibérica reclaman ao Goberno central unha auditoría "financeira e técnica" da empresa

Reivindican un prezo eléctrico estable e demandará que se garanta o futuro da electrointensiva na mesa do diálogo social.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/07/2020 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A Xunta e o comité de empresa de Alu Ibérica esixirán ao Goberno central, nun escrito conxunto, que realice unha auditoría "financeira e técnica" da empresa para garantir a produción de aluminio primario e o mantemento dos máis de 300 empregos da planta da Coruña.

Reunión con Alu Ibérica
Reunión con Alu Ibérica | Fonte: Xunta de Galicia.

Tras unha reunión na sede da Delegación da Xunta na Coruña, na que participou o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu que é "necesario" que se estude "o grao de cumprimento dos compromisos" alcanzados en xullo de 2019 entre Partner e Alcoa e tamén que se "garanta o cumprimento do acordo ata xullo de 2021".

O conselleiro volveu pedir tamén ao Executivo estatal que se estableza un prezo da enerxía "competitivo, en igualdade de condicións co resto de países europeos" que permita a produción de aluminio primario e un proxecto industrial de futuro. "Non só ata 2021", subliñou Conde.

Despois de tres horas de encontro entre representantes do Goberno galego e dos traballadores, o responsable autonómico tamén anunciou a decisión de pedir á mesa do diálogo social a nivel estatal que negocie as condicións para "garantir" o futuro das industrias electrointensivas.

Conde descarta que a Xunta realice a auditoría porque, remarcou, "o Ministerio de Industria foi o garante do acordo así que é o que coñece o seu alcance, non só na planta da Coruña senón tamén na de Avilés". Deste xeito, o conselleiro cre que só o Goberno estatal ten "lexitimidade" para facer o estudo.

SITUACIÓN "BASTANTE CRÍTICA"

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho, denunciou, tras a reunión, que a situación é "bastante crítica" e "moi perigosa" e culpa da mesma "á falta dun prezo da electricidade competitivo". Tamén apunta a un "problema empresarial", polo que esixe ao Goberno "clarificalo".

Segundo o representante dos traballadores, coa auditoría que esixen habería "toda a información posible para determinar as distintas responsabilidades que haxa nesta situación". É necesario, agregou, que o proceso volva "ao quilómetro cero" para que, dixo, "o prexuízo non recaia só nos traballadores".

Corbacho pediu que se "ancore" o proxecto industrial en Galicia e, para iso, considera que é fundamental o "compromiso" do Goberno central e a "colaboración" da Xunta. "A industria electrointensiva é estratéxica para o país e máis nestes momentos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta