Así será a volta ao 'cole' en Galicia, nun curso marcado polo medo ao coronavirus

Os centros poderán crear grupos estables de ata 25 nenos en Infantil e Primaria para socializar sen manter distancia. O borrador do protocolo da Xunta para a volta ás aulas valora pechar niveis educativos ou centros enteiros se hai un brote.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2020 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Os alumnos galegos deberán volver ás aulas o próximo outono mantendo as medidas de seguridade contra a COVID-19. Isto suporá, para os maiores, manter unha distancia mínima dun metro mentres estean sentados na aula e de 1,5 no exterior, así como usar máscara fóra de clase. Con todo, o borrador do protocolo da Xunta inclúe unha posibilidade para os nenos de Infantil e Primaria, que poderán "socializar sen manter a distancia de seguridade" se se crean "grupos de convivencia" estable de ata 25 escolares.

Neno xoga nun centro educativo
Neno xoga nun centro educativo | Fonte: Xunta.

Así o recolle o borrador do Protocolo de Adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/2021, acordado polas consellerías de Educación e Sanidade nunha reunión este luns e que se someterá o xoves a mesa sectorial.

No relativo a principios sanitarios básicos, o protocolo establece que cada centro deberá contar cun equipo específico formado en COVID-19, cunha persoa coordinadora de referencia, así como un centro de saúde de referencia para contactar en caso de dúbidas.

Entre as funcións do equipo COVID-19 estará a de dispor dunha relación do alumnado e do persoal do centro, divididos por aulas, con identificación e número de contacto, para poder trasladalo ás autoridades sanitarias de ser o caso.

Cada día, tanto o persoal docente e non docente como o alumnado, deberá realizar un auto diagnóstico sobre síntomas de alerta ou posibles contactos, e, se se ten algún indicio de contaxio, deberá darse alerta ao centro de saúde correspondente. Mentres tanto, cada centro terá un lugar específico para illar de forma individual o alumnado ou profesorado que presente síntomas mentres se xestiona o seu traslado.

UN METRO DE DISTANCIA

De forma xenérica, os alumnos deberán permanecer na aula sentados a unha distancia mínima dun metro, coas mesas na mesma dirección, segundo o establecido pola OMS. Nesta situación, non terán que usar máscara.

No caso de que a distancia non puidese asegurarse, o protocolo establece que se retire todo o mobiliario posible para separar as mesas e, no último caso, se inste a usar máscara durante o horario lectivo.

Por outra banda, tanto os membros da comunidade educativa como os alumnos, agás algunhas excepcións, terán que usar máscara fóra das aulas, e manter unha distancia mínima de 1,5 metros. O protocolo fai especial fincapé en que os profesores usen máscara como elemento "exemplarizante" e determina que se establezan, na medida do posible, zonas de entrada e saída diferenciadas, saídas das aulas graduadas ou direccións de circulación nos corredores. Con todo, desaconséllase o uso de luvas.

GRUPOS DE CONVIVENCIA EN INFANTIL

Ás medidas de distanciamento haberá unha excepción, segundo recolle o protocolo proposto pola Xunta, que dá a posibilidade aos centros de crear "grupos de convivencia estable" nas etapas de Infantil e Educación primaria de ata un máximo de 25 alumnos.

Estes grupos, que serán permanentes e contarán cun titor responsable, "poderán socializar e xogar entre si sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita", aínda que "evitarán a interacción con outros grupos do centro educativo".

En todo caso, tamén para os máis pequenos, farase fincapé na necesidade de hixiene de mans, aínda que non se porá xel hidroalcohólico a disposición dos alumnos dos primeiros niveis polo risco de que o inxiran.

No caso de Infantil e os primeiros cursos de Primaria, o protocolo aposta polo uso "individual" dos puntos de xogo e a desinfección dos materiais. A merenda "realizarase de forma individual en espazos diferenciados" e procurarase a distancia entre grupos nos recreos, eliminando o uso de tobogáns ou areeiros.

RECREOS E HIXIENE NA AULA

Excepto para os alumnos máis novos, o documento establece o uso obrigatorio de máscara nos recreos. Ademais, de ser posible, estableceranse quendas para descansos graduados, evitando grandes afluencias.

De forma xenérica, os espazos deberán garantir unha distancia de, polo menos, 1,5 metros en grupos de 50 alumnos, para o que o protocolo permite aos centros optar por recreos máis curtos ou, mesmo, recreos na aula. No chan instalaranse marcas para lembrar a distancia de seguridade.

No caso da clase de educación física, os exercicios serán individuais na medida do posible, minimizando o uso de materiais que teñan que ser empregados por varios alumnos e procurando a súa desinfección despois do seu uso.

Na aula ordinaria tamén se promoverá que cada alumno teña o seu material de uso individual e a limpeza frecuente das aulas, así como a ventilación. De feito, o protocolo aposta por "manter as xanelas abertas todo o que sexa posible".

Incidirase de forma especial na hixiene de mans, sobre todo á entrada e saída ao centro e os aseos limparanse, polo menos, tres veces por xornada. Haberá un reforzo de persoal para vixiar o cumprimento das medidas en recreos e aseos, entre outros momentos.

COMEDOR E TRANSPORTE

O uso do comedor quedará limitado á capacidade suficiente para que o alumnado estea separado por 1,5 metros ou un metro se non están un fronte a outro. Para aumentar a capacidade, poderán facerse varias quendas e tentarase que os escolares senten agrupados por aulas, para manter a continuidade de grupo.

No caso do transporte escolar, o aforamento dos vehículos será o determinado en cada caso polo órgano competente. Inicialmente, poderán empregarse todas as prazas, sempre con uso de máscara.

O aforamento ás bibliotecas quedará reducido ao 50% da súa capacidade e manteranse as mesmas normas que no resto das aulas. Haberá préstamo de libros, pero terán que porse en corentena durante 24 horas tras a súa devolución.

XESTIÓN DOS BROTES

Dentro deste protocolo tamén se establecen indicacións para a xestión dos brotes, que pasan porque todas as persoas que teñan síntomas sexan illadas canto antes nun espazo individual e déase información ás autoridades sanitarias.

Se se produce un positivo, isto poderá supor o peche temporal de todo a aula, mentres que se se detecta un brote (polo menos tres casos en sete días), o protocolo expón o peche de todo o nivel educativo ou, incuso, de todo o centro, se así o aconsellan os expertos. Os centros que se pechen deberán volver despois á súa actividade de forma paulatina por fases.

Cada centro deberá elaborar un plan de adaptación á situación actual específico, así como un plan de continxencia se se detectan casos. Fomentarase a formación relacionada coa hixiene e a prevención de contaxios, así como o emprego da aula virtual, sempre que sexa posible, por se é necesario habilitar de novo a teleformación. De cara ao comezo de curso, a Xunta informou de que se realizarán test serolóxicos de dobre branda a todo o persoal dos centros educativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta