Vázquez Almuíña ve agora necesaria unha "normativa básica" para que as CCAA poidan confinar zonas

O conselleiro de Sanidade incidiu en que "agora mesmo o Ministerio di que hai normativa suficiente, pero evidentemente hai algo que os xuíces están a interpretar en diferentes sitios de formas diferentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu a necesidade dunha "normativa básica" que ampare ás comunidades autónomas a confinar zonas en caso de ser necesario para frear brotes de coronavirus COVID-19.

"Nós pedímolo xa a nivel de Ministerio no Consello Interterritorial. Cremos que hai que modificar a normativa estatal para facilitar", afirmou Almuiña ao ser preguntado, no marco dunha rolda de prensa, sobre se considera que existe amparo legal suficiente para confinar zonas afectadas por COVID.

O titular de Sanidade da Xunta incidiu en que "agora mesmo o Ministerio di que hai normativa suficiente, pero evidentemente hai algo que os xuíces están a interpretar en diferentes sitios de formas diferentes". "Entendo que é porque consideran que é interpretable", apostilou.

"En situacións como estas, en que hai que tratar de realizar accións rápidas para evitar contagios, non podemos ter esas dúbidas, temos que ter unha normativa básica que nos ampare para facelo, á marxe de que falte algún informe nalgún destes casos que ocorre fóra de Galicia", explicou.

Aínda que incidiu en que "ata o momento" a situación en Galicia "é boa", puntualizou que "ante mesmas situacións non houbo o mesmo pronunciamento por diferentes xuíces de España".

O conselleiro de Sanidade en rolda de prensa.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press
O conselleiro de Sanidade en rolda de prensa.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta