CESM acusa ao Sergas de non ter protocolos de hixienización en horario asistencial para evitar contaxios

Cualifica de "especialmente incongruente e grave" o feito de que as medidas "que se esixen aos locais de lecer, á hostalaría e ao comercio se obvien nos centros sanitarios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) esixe ao Sergas que se apliquen "os protocolos de limpeza e hixienización que sexan precisos en horario asistencial" nos centros sanitarios co fin de "evitar posibles contaxios entre pacientes e profesionais".

Este sindicato médico denuncia, a través dun comunicado de prensa, que, tras o fin do estado de alarma e a volta á "normalidade asistencial", está "a recibir diversas queixas e comentarios de compañeiros, preocupados polo feito de que, a pesar de que as axendas continúan saturadas e os tempos de atención ao paciente reducidos, non se ten en conta a nova realidade que se impuxo como consecuencia da COVID-19".

Respecto diso, incide en que "a irrupción do coronavirus require e esixe a aplicación de novos usos e costumes para beneficio e seguridade", tanto dos pacientes e acompañantes como dos profesionais e, neste sentido, apunta "que en moitas ocasións pola proximidade entre médico e paciente unha máscara cirúrxica non é unha protección suficiente, polo que é necesario utilizar as clasificadas como FFP2".

"Os facultativos manifestan a súa sorpresa e preocupación ao comprobar que nos gabinetes de consulta e exploración, tanto nos centros de saúde como nos hospitais, non se aplican protocolos de limpeza e hixienización distintos aos que eran habituais antes da grave crise sanitaria contra a que aínda estamos a loitar", asegura CESM.

Neste sentido, CESM lamenta "que non se aplican procedementos de limpeza entre paciente e paciente en padiolas, mesas de exploración, cadeiras e demais aveños, nin se someten aos máis elementais procesos de desinfección", e matiza que, "se en moitos casos levan a cabo eses procedementos é por iniciativa e dedicación dos propios profesionais", posto que, engade, "nos contratos aos que se acollen as empresas externas de limpeza non se contemplan eses protocolos a día de hoxe e en moitos centros de saúde nin sequera hai persoal de limpeza en horario asistencial".

CESM Galicia considera "moi grave" o feito de que "algunhas Xuntas de Persoal denunciasen esta situación ante as súas correspondentes xerencias", critica, "sen que estas desen explicación algunha sobre por que se produce esta situación de risco innecesario, nin se propuxese solución algunha ao problema".

"INCONGRUENTE E GRAVE"

Por iso, esta central sindical "esixe que o máis axiña posible se tomen as medidas pertinentes para solucionar estas deficiencias graves e potencialmente perigosas para a saúde dos cidadáns e dos profesionais e para a contención da pandemia".

Así mesmo, cualifica de "especialmente incongruente e grave" o feito de que as medidas "que se esixen aos locais de lecer, á hostalaría e ao comercio se obvien nos centros sanitarios dependentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde". "Máxime tendo en conta que os usuarios dos servizos sanitarios son potencialmente poboación de alto risco polas súas condicións orgánicas e as patoloxías crónicas que moitos deles xa padecen", conclúe CESM.

Protesta dos traballadores do servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Protesta dos traballadores do servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Levo todo o dia que non paro de rir logo de ver o video subido a youtube co titulo seguinte: "IMPRESIONANTE AUDIO: Llamada a Canal Extremadura Sobre el No Uso de Mascarillas en sus Programas"