Teatro nos escaparates para reactivar o pequeno comercio de Ames

EscapÁrate! é un proxecto innovador que usa o teatro como ferramenta para a promoción do pequeno comercio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Chévere volve esta semana ao traballo logo de catro meses de parón forzoso por mor da Covid-19. Farao no concello de Ames con dúas xornadas (venres 17 e sábado 18) durante as que levará o teatro aos escaparates dos comercios, unha actividade que se encadra no programa AmesON, contido á súa vez no Plan Reactiva Ames, co que o Concello pretende dinamizar os sectores cultural e comercial deste concello.

O grupo Chévere fomenta a reactivación do comercio local a través do seu proxecto EscapÁrate!
O grupo Chévere fomenta a reactivación do comercio local a través do seu proxecto EscapÁrate! | Fonte: Grupo Chévere

Segundo o programa, estas pezas poderanse ver o venres 17 no Milladoiro, entre as 19.30 h e as 21.00 h e o sábado 18 en Bertamiráns, entre as 12.30 h e as 13.45 e posteriormente entre as 21.00 h e as 23.00 h. Para favorecer os grupos reducidos e renovar o público constantemente, faranse 2-3 e ata 4 pases de cada peza. As obras de teatro serán interpretadas por actores e actrices como Miguel de Lira, Patricia Lorenzo, Manuel Cortes ou Borja Fernández. 

EscapÁrate! é un proxecto innovador que usa o teatro como ferramenta para a promoción e

dinamización do pequeno comercio e para incentivar o consumo responsable, con participación directa dos establecementos comerciais. Busca transformar os escaparates, auténtica seña de identidade do comercio, en escenarios para o teatro, para poñer en valor o comercio retallista como espazo de socialización e reivindicar a compra-venda nunha relación de proximidade baseada no diálogo.

APOIO AO COMERCIO LOCAL

Ademais, no contexto da crise provocada pola Covid-19, faise máis necesario aínda desenvolver accións de animación e promoción do comercio de proximidade, un dos sectores máis afectados. O obxectivo é contribuír a que a xente recupere a confianza, saia da casa atraída por unha iniciativa orixinal que altera a súa rutina diaria, e crear unha experiencia positiva en relación co pequeno comercio.

É unha actividade na que o público está ao aire libre, durante un tempo breve, en grupos

reducidos, favorecendo a distancia interpersoal e separado dos artistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta