A Xunta defende a súa actuación nas residencias tras a apertura de dilixencias contra cargos autonómicos

Alfonso Rueda di que "achegará toda a documentación" para probar que se obrou de forma "adecuada".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/07/2020 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, defendeu a actuación da Administración galega na xestión das residencias de maiores e dixo que "achegará toda a documentación" para probar que se obrou de forma "adecudada".

Corina Porro recibindo a usuarios das residencias DomusVi Aldán e DomusVi Barreiro na residencia de tempo libre da Xunta en Patos, Panxón (Nigrán)
Corina Porro recibindo a usuarios das residencias DomusVi Aldán e DomusVi Barreiro na residencia de tempo libre da Xunta en Patos, Panxón (Nigrán) | Fonte: © Miguel Núñez

Cuestionado sobre a apertura de dilixencias contra os xestores da residencia DomusVi de Aldán (Cangas) e dous cargos da Xunta, Alfonso Rueda manifestou o seu respecto á decisión do xulgado, para o que o Goberno galego se pon á súa disposición.

"A Xunta achegará toda a documentación para demostrar do que estou convencido. A actuación nas residencias foi adecuada", incidiu Rueda.

APERTURA DILIXENCIAS

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Cangas abriu dilixencias previas contra a administradora de Geriatros, a directora da residencia DomusVi de Aldán (intervida pola Xunta durante a pandemia) e dous cargos da Xunta tras presentar unha querela as fillas de dúas usuarias do centro, unha delas falecida e outra contaxiada por COVID-19.

O auto, contra o que cabe recurso de reforma e/ou apelación, insta a incoar un procedemento de dilixencias previas en relación a posibles delitos de homicidio ou lesións por imprudencia profesional ou de abandono de discapacitados. Así, as querelantes deberán declarar e demandarase o historial médico das súas nais a Geriatros S.A., para que o médico forense avalíe "se o diagnóstico e a asistencia médica" das mesmas foron adecuados.

Deste xeito, o xuíz busca determinar se existiu "algunha acción ou omisión constitutiva de imprudencia profesional que "provocase o contaxio da COVID-19" ou "o falecemento dalgunha das internas por mor da citada enfermidade".

En concreto, a querela presentouse contra Geriatros, Geriavi, a administradora única de Geriatros e a directora da residencia de maiores, así como a xefa do Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta.

No entanto, o xuíz sinalou que, de acordo co Código Penal, non procede dirixir o procedemento "fronte ás persoas xurídicas obxecto da presente querela, debendo delimitarse a responsabilidade das persoas físicas cuxa investigación se pretende".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta