A Xunta pide limitar as festas privadas e a colaboración de policías locais contra os botellóns, para controlar os rebrotes

Feijóo considera que o lecer nocturno e os casos importados son os principais riscos nestes momentos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/07/2020 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

A Xunta recomendou que se limiten a organización de festas privadas en casas e domicilios, á vez que solicita a colaboración de concellos e policías locais para impedir botellóns nas rúas e velar polo cumprimento da lei nos establecementos de lecer nocturno.

Reunión do Consello da Xunta o 17 de xullo de 2020
Reunión do Consello da Xunta o 17 de xullo de 2020 | Fonte: Xunta de Galicia.

Tras advertir que o lecer nocturno, xunto cos casos importados, son os principais problemas na actualidade á hora de controlar a pandemia, o mandatario expresou a recomendación por parte da Administración de limitar a organización de festas privadas.

"Non podemos prohibilas (festas privadas) porque sería atentar contra un dereito fundamental como o dereito de reunión", sinalou o presidente en funcións que recoñece que, para iso, sería preciso unha orde xudicial.

Por tanto, apelou á responsabilidade dos cidadáns para que non organicen en propiedades privadas aquilo que está prohibido en lugares públicos, en referencia á aglomeración de persoas.

"O virus non entende de propiedades", engadiu Núñez Feijóo, que cre que evitar "festas masivas" en casas durante este verán permitirá controlar de mellor modo a expansión de brotes ao longo dos próximos meses.

Feijóo tamén se detivo no problema que, ao seu xuízo, representa o lecer nocturno á hora de propagar o virus, polo que solicitou a implicación dos concellos e as policías locais para controlar o cumprimento das medidas de seguridade tanto en establecementos como na rúa.

"Isto non é unha broma", subliñou antes de avanzar que a Xunta traballa na redacción dunha nova orde para reforzar a prohibición dos botellóns, cuxa celebración tachou de "disparate", máis aínda nunhas circunstancias como as actuais.

Neste punto, destacou o traballo da Policía Local de Vigo que, para Feijóo, realiza o seu traballo "con moito rigor" despois de que procedese ao peche de varios establecementos que incumprían as normas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta