Un incendio forestal na cidade de Ourense arrasa polo menos 20 hectáreas

Segundo aseguran fontes da Consellería, "non hai perigo para as casas".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/07/2020 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Un incendio forestal permanece activo na zona de Canibelos, na cidade de Ourense, que leva arrasadas polo menos 20 hectáreas, segundo as primeiras medicións.

A Consellería do Medio Rural informa de que permanece activo desde as 15,03 horas deste sábado, xornada na que as temperaturas máximas rozaron os 40 graos na capital provincial.

Por parte da Xunta, traballan no control deste incendio un técnico, dous axentes, oito brigadas, sete motobombas, sete helicópteros e dez avións. Segundo aseguran fontes da Consellería a Europa Press, "non hai perigo para as casas".

Xunto ao dispositivo de Medio Rural, participan na súa extinción bombeiros forestais do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que enviou dous helicópteros desde a base de León, segundo publica a Asociación de Traballadores das Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF) a través de Twitter.

Incendio en Ourense
Incendio en Ourense | Fonte: Cedida

O incendio que comezou este venres en Rubiá e que afecta a unhas 40 hectáreas do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra está xa controlado, segundo confirmaron fontes da Consellería do Medio Rural.

As chamas comezaron sobre as 13,05 horas do venres na parroquia de Pardollán e o lume deuse por estabilizado ao redor das 19,00 horas deste sábado, xornada de temperaturas que rozaron os 40 graos en puntos da provincia de Ourense.

Aínda que a Consellería informa de que o terreo arrasado é de 40 hectáreas, matiza que se trata dunha medición "provisional" ata que "se parametrice a superficie final".

Para a súa extinción mobilizouse ata o momento un técnico, 11 axentes, 26 brigadas, 10 motobombas, cinco helicópteros e 11 avións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta