Veciños de Sanxenxo critican que o Salnés non teña ambulancia e só se traslade unha no verán para turistas

Denuncian que hai pacientes que "teñen que coller o coche particular para ir ó hospital", unha situación que pode "marcar a diferencia entre vivir e morrer".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2020 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

A decisión da Xunta de Galicia de trasladar a ambulancia medicalizada do hospital de Vilagarcía ó PAC de Baltar, localidade limítrofe con Sanxenxo, segue levantando mostras de indignación e rexeitamento entre a cidadanía. Os últimos, os propios habitantes de Sanxenxo, que vencellan o desprazamento desta ambulancia unha actitude de "descoordinación e improvisación intolerable".

Ambulancias en Urxencias dun hospital galego
Ambulancias en Urxencias dun hospital galego | Fonte: © Miguel Núñez

Segundo apunta nun comunicado remitido a medios a asociación, Somos Sanxenxo, esta medida, tendo en conta a particular dispersión demográfica da comarca do Salnés, pon en perigo as vidas dos pacientes máis alonxados dos centros médicos, que ante a ausencia de ambulancia "teñen que coller o coche particular para acudir ó correspondentes hospital". "Atender unha urxencia vital ou non marca a diferencia entre vivir e morrer", apuntan estes veciños, moi críticos co desprazamento orquestado polo Sergas.

Porén, e como apuntan no mesmo comunicado, a decisión do Sergas non chega como unha sorpresa logo de anos de recortes de múltiples episodios de recortes por parte da Xunta. "Despois de pechar as consultas pediátricas de Meaño e Meis, e concentralas no Centro de Saúde de Baltar co reforzo dun só pediatra, o 061 ven de desprazar a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés ao PAC de Baltar, en vez de poñer unha a maiores, como sería o lóxico e recomendable", destacan.

TURISTAS

Esta decisión, que deixará sen atención ós veciños do Salnés durante todo o verán, coincide coa chegada do impacto turístico a Sanxenxo, que nos meses estivais multiplica a súa poboación grazas ós turistas chegados de fóra. Tal e como apuntou Galicia Confidencial apenas unha semana atrás, ata este ano a Xunta decidía reforzar a atención na área de Sanxenxo coa inclusión dunha nova ambulancia.

No verán da pandemia, porén, a decisión do executivo de Feijóo foi desprazar o vehículo do Salnés para evitar ter que ampliar a dotación de recursos, unha decisión fortemente criticada polos propios veciños de Sanxenxo. "Xusto no momento en que, a maioría dos facultativos e epidemiólogos consultados recomendan un maior reforzo na Atención Primaria; o SERGAS decide recortar recursos", lamentan dende a asociación, que engade: "é indignante ver como se usa a sanidade só con fins electoralistas, sen ter en conta os criterios médicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Inespal

A quén votades en Sanxenxo ??