Por que o glifosato, un pesticida tóxico, aparece nos ríos do norte de Galicia pero non nos do sur?

Ecoloxistas en Acción denuncia que a confederación hidrográfica Miño-Sil non fai probas en busca de glifosato, un pesticida presente nas augas galegas e que podería ser canceríxeno.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Os ríos galegos están "altamente" contaminados por unha substancia que ameaza tanto a fauna destes ecosistemas como a propia saúde das persoas. É a conclusión dun informe emitido pola agrupación Ecoloxistas en Acción, que analiza a presenza de glifosato nas diversas demarcacións hidrolóxicas de todo o Estado.

Río Tea de Ponteareas
Río Tea de Ponteareas | Fonte: Wikipedia

O glifosfato é unha substancia presente en herbicidas que, segundo apunta nun comunicado remitido a medios a asociación, é de uso común na agricultura e remata chegando ós ríos. O problema é que, tal e como reporta a Axencia Internacional de Investigación do Cancro, cabe a posibilidade de que sexa canceríxeno, afectando tanto á fauna e flora que neles habitan como ós humanos que se serven deles. 

Así, o informe de Ecoloxistas en Acción recolle que, segundo os datos recompilados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, o 69'9% das análises desenvoltas entre os anos 2017 e 2018 nos ríos do norte de Galicia rexistraron unha proporción detectable de glifosfato. Paradoxicamente, e segundo sostén a asociación ecoloxista, os datos correspondentes á demarcación hidrográfica Miño-Sil non mostran unha soa análise en busca de glifosato no período sinalado, unha circunstancia afeada pola asociación.

PIDEN A PROHIBICIÓN

En vista destas circunstancias, Ecoloxistas en Acción esixe ás autoridades que comecen unha recollida de información "máis completa e axustada a realidade" e que sirva "como punto de partida" para a protección dos ecosistemas fluviais. De xeito paralelo, demandan do Estado a prohibición e retirada do mercado de todos aqueles produtos fitosanitarios que conteñan o nomeado pesticida. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta