Dimisións en bloque das direccións dos centros, a solución dos sindicatos para protestar polo protocolo de Educación

Critican á Xunta por querer comezar o curso en situacións de "semi normalidade".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

As catro organizacións sindicais convocantes das mobilizacións dos días 22 e 28 de xullo (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e Fete-UGT) acusan á Consellaría de Educación de elaborar o protocolo para a COVID-19 de forma unilateral e de pretender comezar o curso nunha “situación de case normalidade”. Así as cousas, consideran que "unha acción colectiva de dimisións en bloque" nas direccións dos centros educativos "sería oportuna neste momento".

Aula dun colexio de Educación Infantil e Primaria
Aula dun colexio de Educación Infantil e Primaria | Fonte: Europa Press - Arquivo

"Con este protocolo o único que fai a administración é lavar as mans e trasladar a responsabilidade ao profesorado e fundamentalmente aos equipos directivos, como xa fixo durante o estado de alarma e ao final deste curso académico" e ademais "toda esa sobrecarga de traballo faise a costa de detraer tempo para o ensino e as tarefas docentes e lonxe de minimizar o risco de contaxio aínda se incrementa, ao manter as avultadas ratios por aula, con 25 crianzas en infantil e primaria ou até 30 en secundaria e bacharelato", indican os membros de CIG-Ensino. 

O sindicato sinala que "este protocolo incrementa a carga burocrática detraendo tempo de preparar e dar clases e de novo son os equipos directivos os que teñen que asumir funcións propias da administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario" e que "nel tampouco se establece unha planificación clara nin cal sería a dotación de medios no caso de necesitar activar o ensino a distancia ou o ensino semipresencial para atender á vez alumnado presencial e outro en illamento no seu domicilio, etc.".

Ante esta situación os equipos directivos están abandonados á súa sorte e no caso de denuncias pola vía penal poden verse ante un xulgado sen saber cal sería o amparo legal que lles ofrecería a Consellería neste caso. Ante a gravidade desta situación as organización sindicais, ademais de convocar mobilizacións para o mes de xullo e de setembro, animan ás direccións a que amosen o seu rexeitamento, mediante escrito dirixido á Consellaría de Educación, ao Protocolo e declinen todas as responsabilidades nas que poidan incorrer pola aplicación do Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/21.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta