Gonzalo Caballero reinvindica o seu papel á fronte do PSdG ante as críticas dalgúns baróns do seu partido

O dirixente socialista invoca o rexurdir de Pedro Sánchez á fronte da executiva nacional ante os que, como Xosé Sánchez Bugallo, critican os resultados. Bugallo insiste en pedir unha "reflexión" sobre o acontecido o 12J.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "comparte" todas as opinións que chaman á "reflexión" para fortalecer ao Partido Socialista de Galicia tras os resultados das eleccións autonómicas do 12 de xullo. Así se pronunciou este mércores ao ser preguntado polas afirmacións efectuadas na Cadea Ser polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que se mostrou crítico cos resultados, que atribúe ao feito de que, na súa opinión, "o centro" quedou libre ao popular Alberto Núñez Feijóo.

Na súa intervención, Gonzalo Caballero considerou necesario "ver que ocorreu" nas eleccións e facer un chamamento para "fortalecer o PSdeG". "Comparto cos alcaldes e alcaldesas a necesidade de facer unha reflexión conxunta sobre como seguir traballando para fortalecer unha alternativa socialista en Galicia que permita facer fronte ao resto de futuro".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

O REXURDIR DE SÁNCHEZ

Ademais, preguntado pola posibilidade de que se celebren primarias no PSdeG, o secretario xeral asegurou que o PSOE ten un "sistema moi claro" para elixir os seus dirixentes e marcar o funcionamento do partido. "Xa aprendemos moito en 2015-2016, cando o PSOE non gañou as eleccións xerais, de como a militancia do partido non permite ningún tipo de xogo contra quen naquel momento era secretario xeral e agora é presidente do Goberno, e todos sabemos que hai uns órganos que funcionan adecuadamente, que neste momento hai un mandato vixente", manifestou.

Tras iso, deixou claro que se sente "moi acompañado" pola militancia do partido. "Estou aberto a estudar todas aquelas melloras que permitan á nosa organización facer fronte aos retos de futuro", indicou para lembrar que este xoves o partido reúne ao seu Comité Nacional precisamente para abordar esta reflexión.

CRÍTICAS BUGALLO

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, reiterou este mércores a súa petición de "reflexión" no PSdeG tras os modestos resultados obtidos o pasado 12 de xullo e insistiu nunha mensaxe en clave de metáfora futbolística: "O que domina o centro do campo adoita gañar o partido".

Preguntado acerca de quen debería, ao seu xuízo, liderar o PSdeG nos próximos catro anos, Bugallo respondeu que el é "militante de base por decisión propia" desde hai uns anos e lembrou que, no seu día, afastouse "do ámbito orgánico do PSdeG porque entendía que tocaba a quenda de estar á fronte a "outra xeración e outras persoas".

Por iso, remarcou que será "respectuoso" coas decisións que se adopten, pero tamén afirmou que o que lle sucedeu ao seu partido, con Gonzalo Caballero á fronte, na última cita coas urnas, non lle causou en realidade "ningunha" sorpresa". Dito isto, apostou por "transmitir unha visión positiva" e defendeu que el sempre aprendeu "moito máis" dos fracasos que dos éxitos.

Iso si, no canto de buscar "a quen botar a culpa", defendeu que a "reflexión" que debería facer o seu partido é pensar no que se fixo mal. "Hai que reflexionar acerca de por que pasou isto, por que non nos votaron, que fixemos mal. Pódese aprender moito diso", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta