Atribúen a orixe dun incendio en Ames a unha queima de restos agrícolas

O lume afectou a unha superficie duns 3000 metros cadrados de superficie rasa, sendo necesaria a actuación dos medios de extinción para o seu control.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Autonómica de Santiago esclareceron un incendio forestal ocorrido no concello coruñés de Ames o pasado 18 de xullo e que atribúen a unha queima de restos agrícolas.

Segundo a investigación, o lume produciuse cando a investigada realizaba unha queima de restos agrícolas prohibida, dado que non poden realizarse en tempada de alto risco de incendios, é dicir, ata o próximo 30 de setembro.

O lume afectou a unha superficie duns 3000 metros cadrados de superficie rasa, sendo necesaria a actuación dos medios de extinción para o seu control. Os feitos puxéronse en coñecemento das autoridades xudiciais competentes.

Segundo informou a Xunta, no que vai de ano foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 36 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

PASTOREO NA MONTAÑA

Por outra banda, representantes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) reuníronse cos seus homólogos do SERIDA asturiano e do CIFA cántabro, así como con membros do Centro Tecnolóxico da Carne, para avanzar no desenvolvemento dun proxecto que busca fomentar o pastoreo na montaña como medio para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade animal.

En concreto, este proxecto de ámbito nacional ten como obxectivo integrar e mellorar o coñecemento científico e técnico de aspectos relacionados coa xestión dos pastos na montaña cantábrica e galega. Así, non só se persegue previr os lumes forestais e contribuír á produción animal, senón tamén traballar na mellora do chan, incrementar a biodiversidade e impulsar a gandaría en extensivo.

A idea é implicar tanto aos propietarios das terras como aos xestores e gandeiros, aos que se lles ofrecerán ferramentas para que escollan a opción de pastoreo máis acomodada en cada caso, tendo conta as condicións do terreo ou os obxectivos de produción, así como factores ambientais.

Coche da Policía Autonómica
Coche da Policía Autonómica | Fonte: xunta.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta