A provincia de Lugo pon en valor a súa rede pública de residencias fronte a pandemia

A Deputación lucense conta conha ampla infraestrutura de centros públicos dedicada á atención e benestar dos maiores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2020 | Actualizada ás 04:00

Comparte esta noticia

A provincia de Lugo conta cunha forte rede de protección social que ten como principais piares a rede de residencias públicas para maiores abertas nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, o servizo de teleasistencia domiciliaria e o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos. Con este sistema asistencial, dependente da Deputación de Lugo, favorécese o benestar social, a conciliación e xérase actividade e emprego sostible. En total, créanse máis de 300 postos de traballo malia non ter as competencias en servizos sociais, pois estas recaen na comunidade autónoma, segundo establece o Estatuto de Autonomía.

Muller anciá nunha residencia de maiores
Muller anciá nunha residencia de maiores | Fonte: XUNTA DE ANDALUCÍA

Á parte, e tamén dependentes da Deputación, Lugo conta con catro centros públicos de atención a maiores na provincia, nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas de idade avanzada. No concello de Ribadeo a institución provincial ten unha residencia de 48 prazas, no de Pol unha de 36 prazas, en Trabada outra con 30 prazas e na Fonsagrada, un centro con 28 prazas. A maiores, estas dependencias ofrecen prazas de centro de día: 18 prazas no centro de Pol, 20 no de Trabada e 20 no da Fonsagrada.

A característica principal destes centros de maiores as súas modernas infraestruturas, totalmente adaptadas ás necesidades dos maiores e ao seu grao de dependencia. Á parte dos servizos esenciais, ofrecen unha ampla variedade de actividades destinadas ao entretemento e a fomentar unha vida activa. As residencias ofrecen tamén un servizo de limpeza continua, lavandería e traballos de xastrería.

O persoal dedica unha atención especializada en áreas fundamentais como a hixiene persoal ou a mobilidade. Ademais, ofrécense menús adaptados, elaborados por expertos en nutrición, cociñados con produtos de temporada e de proximidade, pensando sempre en coidar a saúde dos maiores. É habitual que as direccións dos centros organicen menús especiais cadrando con aniversarios ou celebracións arraigadas na provincia, como o San Xoán, o magosto ou o Nadal, co obxectivo de que a súa vida no centro se asemelle o máximo posible á súa vida de sempre.

Dende a Deputación amosan o seu orgullo por "ter implantado un modelo de xestión de residencias público, de proximidade, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas, e non busca o negocio", en definitiva "un sistema que funciona, que garante o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos nosos maiores, pero tamén das súas familias. É, tamén, un modelo de xestión que ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, e que axuda a fixar poboación creando emprego sostible".

Á parte, e segundo informan dende o órgano provincial, as instalacións están pensadas para poucos usuarios, de aí que que se garanta que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. A institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen. Todo isto favorece a súa calidade de vida, e tamén o seu benestar emocional.

Ademais das catro residencias que a Deputación ten en marcha, segue avanzando nos compromisos que ten adquiridos cos concellos neste eido. Deste xeito, antes de finalizar o ano prevé abrir os centros de atención a maiores de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e deu pasos importantes nos de Meira, Guitiriz, Pantón e Portomarín.

TELEASISTENCIA DE BALDE

O programa de teleasistencia domiciliaria que ofrece a institución provincial lucense permite que as persoas maiores e que viven soas, sexan ou non dependentes, reciban unha atención directa e personalizada. Está dirixido á veciñanza dos 67 concellos lucenses e o funcionamento é moi doado: só teñen que premer un botón que levan nun colar ou nunha pulseira se necesitan asistencia, sexa á hora que sexa, xa que o servizo está operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Esta acción de benestar social é totalmente de balde, financiada integramente pola Deputación de Lugo, a través dun contrato que ascende a 750.000€ cunha duración de dous anos. Agora mesmo aténdense a 1.795 veciños e veciñas da provincia: 1.555 prazas son de persoas usuarias directas; 180 son de persoas que conviven co titular do servizo e reúnen os requisitos para ser beneficiarias; e outras 60, están destinadas a persoas que, convivindo coa persoa usuaria e necesitando das prestacións e atencións, carecen de capacidade física, psíquica ou sensorial para poder utilizar a atención por si mesma.

A Deputación traballa para mellorar e facer cada vez máis completo este servizo. No último contrato deste servizo, incluíronse un conxunto de medidas que melloran o programa, como son a achega de balde de 60 terminais a maiores dos 1.555 esixidos obrigatoriamente á adxudicataria; 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de Teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes,  de movemento e de presencia), incluíndo a súa  instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitorización, que permita a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria; e terminais que faciliten a utilización do servizo a persoas con dificultades de comunicación  verbal ou auditiva.

Grazas a este servizo, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade porque saben que, malia as dificultades de vivir sós ou illados no rural, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia.

Durante o Estado de Alarma, a institución provincial lucense reforzou este servizo para dar unha maior cobertura aos usuarios e usuarias nesta situación excepcional. Intensificáronse as chamadas nas que se ofrecía información sobre a pandemia e as medidas que favorecían a contención do coronavirus, constatándose a boa saúde das persoas, que vían atendidas as súas necesidades aínda na circunstancia de confinamento domiciliario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta