Ribadavia dá esperanzas ó mundo do teatro: "100%" de seguimento ao seu festival estival

A Mostra Internacional de Teatro da vila ourensá reporta unha resposta "contundente" por parte do público transcorrido o ecuador do certame.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2020 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

A néboa da incerteza que dende fai meses pende sobre o mundo do teatro podería comezar a disiparse. É o que se desprende do anuncio dos responsables da Mostra Internacional de Teatro de Rivadavia, que reportan un seguimento do "100%" por parte do público, unha "resposta contundente" a nivel de "interese e respaldo" a un evento destas características.

Teatro. IBUPROFENO TEATRO - Arquivo
Teatro. IBUPROFENO TEATRO - Arquivo

A ponderación do certame ourensá chega cando vén de superarse o ecuador do mesmo, disposto entre o 17 e o 27 deste mes de xullo. Dende a organización instan a continuar con esta senda de afluencia que podería marcar o inicio da fin destes meses de dúbidas que prevían un negro futuro para a profesión dramatúrxica.

Neste aspecto, subliñan a boa consideración por parte do público a respecto dos espectáculos desenvoltos e os seus creadores, con nomes de relevancia no gremio como a galardoada co Premio de Honra da MIT, Marta Pazos, como Agnés Mateus e Quim Tarrida (Rebota, rebota y en tu  cara explota) , Noemí Rodríguez e Andrea Jiménez (Teatro en Vilo), entre outros.

TEATRO CONTEMPORÁNEO

A segunda metade da mostra, antes da fin de semana, os espectadores terán a oportunidade de comprobar a faceta máis contemporánea da MIT, con obras coma Tierras del Sud, unha peza de carácter documental con carga poética, que incita a reflexionar sobre a estreita relación existente entre as grandes fortunas estranxeiras e a barbarie sobre os pobos orixinarios latinoamericanos, co desenvolvemento de novas formas de colonialismo e as diversas expresións da cultura contemporánea.

Dende a organización lembran que o horario de venda de entradas vai das 10:00 ás 14:00 e das 18:00 ás 20:30, á parte de estaren dispoñibles ó público en ataquilla.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta